0 Gardados para despois

Dúas provincias galegas lideran a importación de leite no Estado malia a crise do sector

Redacción | @prazapublica

En plena crise do sector lácteo, cos gandeiros mobilizados de novo e os prezos máis baixos do Estado en Galicia, o país importa a metade do leite líquido que chega ao conxunto do Estado. A autonomía que produce o 40% do total estatal e onde as granxas están a sufrir cada mes o abandono da recollida por parte dalgunhas industrias que apuntan aos excedentes, as dúas provincias que máis producen son tamén as que lideran as importacións: A Coruña e Lugo. 

A Coruña e Lugo lideran a táboa no Estado con 108.600 e 58.200 toneladas respectivamente

No primeiro aniversario da eliminación das cotas lácteas, o panorama é cada vez máis preocupante para Galicia. A Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG) -onde se inclúe o SLG- vén de debullar os datos e sinala o "paradoxo" de que sexan precisamente estas provincias galegas que máis producen as que tamén importen máis. Segundo as estatísticas do pasado ano 2015, A Coruña e Lugo lideran a táboa no Estado con 108.600 e 58.200 toneladas respectivamente e un total de case 167.000 que a industria mercou a outros Estados. Séguenas no ránking, a bastante distancia, Barcelona, Gipuzkoa e Burgos. 

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego insiste en que, malia que a Xunta aumentou a vixilancia, é necesario un maior control para evitar que chegue leite de maneira ilegal e a prezos por baixo do custo. Porque a entrada de produto desde outras latitudes non se pode evitar nunha UE que permite a libre circulación de mercadorías. Para os gandeiros, unha das solucións estaría en controlar e mellorar a etiquetaxe que indica a procedencia do produto e que asegura que o produto é 100% galego. 

Ao tempo que isto pasa, as explotacións galegas seguen a cobrar unha media de 28 céntimos por litro, o importe  máis baixo do Estado e tamén por baixo dos custos de produción. E os gandeiros galegos teñen queu vender os excedentes a prezo de leite en po por baixo dos 18 céntimos. 

Séguense a pechar granxas e nin o acordo lácteo asinado en Madrid nin os compromisos adquiridos polas cadeas de distribución cos gandeiros trasladan o incremento de prezo nos supermercados aos produtores. Ante as mobilizacións, a conselleira de Medio Rural asegurou a semana pasada que as protestas só estan "xustificadas en momentos convulsos" e, segundo cre, agora "non é o momento" de saír á rúa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.