Vinte días para que a Xunta considere casinos separados por quilómetros como un só local

Torneo de póker no casino da Toxa © Casino La Toja

A instalación de casinos en Galicia está regulada pola lei de xogos e apostas de 1985. Aquela norma do Goberno Albor fixaba un marco estrito para este negocio en Galicia: só podería abrirse un casino por provincia e, "en todo caso", cada un tería que "contar nun radio de 25 quilómetros cun asentamento de poboación superior aos 300.000 habitantes". Na práctica, a Xunta deixaba claro que só existirían dous casinos no país: un na provincia da Coruña e outro, na de Pontevedra. No entanto, o actual Executivo vén de culminar unha reforma que, iniciada en 2014, permitirá dentro de vinte días que en Galicia abran novos casinos que, separados por quilómetros entre si, serán legalmente considerados como un único establecemento.

Como relatou Praza.gal, o primeiro paso para abrir a man cara ao sector do xogo en Galicia comezou na lei de acompañamento dos Orzamentos Xerais de 2015. Nesta norma, que inclúe toda caste de disposicións -moitas delas non ligadas á cuestión orzamentaria- o gabinete de Alberto Núñez Feijóo dispuxo a introdución de dous novos puntos no artigo 8 da lei de xogos: as regras básicas para abrir casinos ficaron como estaban, pero "cada un" dos xa abertos pasaba a poder optar á "instalación e funcionamento dunha sala adicional". Pero cunha particularidade: esas "salas" poderían estar "fóra do recinto" do propio casino, en calquera lugar sempre que sexa "dentro da mesma provincia".

A Xunta modificou a lei de 1985 que restrinxía a apertura de casinos a un na provincia da Coruña e outro, na de Pontevedra

Ficaba así aberta a porta para que as empresas propietarias dos casinos que xa están abertos puidesen abrir outros nos que se poderían "practicar todos os xogos autorizados para casino". Esta intención ficou definitivamente ratificada no Regulamento que, aprobado a mediados de marzo e publicado este venres no DOG, detalla que estas novas salas, en localidades distintas pero na mesma provincia que o "casino matriz" serán casinos en toda regra coa única restrición de non ter unha superficie superior ao 80% do establecemento orixinal e, como outras ofertas de xogo, de non estar a menos de 150 metros de colexios e institutos.

Novos casinos en Vigo e Santiago

Os propietarios do casino da Toxa buscan dende hai anos vías para poderen abrir en Vigo

A tradución práctica desta nova normativa é que as empresas propietarias dos casinos que actualmente funcionan en territorio galego: o Casino La Toja, situado na illa da Toxa, e o Casino Atlántico, na Coruña, van poder ver satisfeita unha das súas demandas históricas, a expansión a outros puntos da xeografía do país. Nomeadamente, o interese das compañías responsables do casino da Toxa, Cirsa e Egasa, é poder dispoñer dun casino en Vigo. Así o manifestou publicamente en 2013 o presidente de Egasa, José González, contrariado pola sentenza do Tribunal Supremo que en 2012 freara a súa aspiración.

Segundo Rueda, un casino en Vigo poder ser "un atractivo para a xente de fóra", como "os cruceiristas"

Un ano antes daquela sentenza, en 2011, o actual vicepresidente da Xunta, cuxo departamento ten a competencia neste eido, xa avanzara nun acto en Vigo que vía con bos ollos a apertura dun casino na cidade viguesa. Suporía, dixo daquela, "un atractivo para a xente de fóra", como "os cruceiristas". "Podería funcionar" e sería "un proxecto moi vantaxoso", afirmaba daquela. Agora, segundo publicou Economía Digital recentemente, Egasa e Cirsa xa procuran local en Vigo.

Algo semellante sucede no norte con Comar, o grupo de José Collazo que conta cunha decena de casinos por todo o Estado. No seu caso a nova normativa permitiríalle expandirse cun novo casino en Ferrol ou en Santiago, se ben a súa preferencia semella ser a capital galega. Non en van, a compañía confirmoulle a El Correo Gallego ao día seguinte da aprobación do Regulamento no Consello da Xunta que se atopaba inmersa na busca dun local duns 1.000 metros cadrados en Compostela para a apertura do seu novo casino.

Casino da Toxa © Casino La Toja

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.