O SLG pide ao Estado que investigue e denuncie a compra a perdas do 80% das granxas galegas

Concentración do SLG ante Logística Alimentaria o pasado 22 de maio © SLG

O SLG reclama ao Estado que tome medidas ante a compra a perdas de leite ás explotacións galegas. A súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, acompañada dun representante de COAG, trasladou este luns á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) documentación para que inicie unha investigacións sobre estas prácticas "abusivas" así como para que estude a posibilidade de denunciar o caso ante Competencia e a Xunta. 

O SLG achega á Axencia de Control Alimentaria documentación para que investigue e denuncie ante Competencia as prácticas "abusivas"

O sindicato insiste en que a industria láctea fixa o prezo de compra "abusando da súa posición de dominio" polo carácter "altamente perecedoiro" do produto e apoiada pola eliminación das cotas lácteas e a liberación do sector, que "non teñen repercusión nin beneficio para os consumidores, que non viron melloras derivadas das caídas de prezo en orixe". 

A AICA, organismo dependente do Ministerio de Agricultura que se encarga do correcto funcionamento das relacións de compra-venda no sector agroalimentario, xa aclarou no seu informe de actividade que Galicia é a autonomía de onde chegan o maior número de denuncias por posibles incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria, máis de 3 de cada 10 (31%). Pero de todas as denuncias, tan só tres delas refírense á venda a perdas fronte ás 33 presentadas polo mesmo motivo no conxunto do Estado durante o primeiro ano e medio de actividade da Axencia. 

O sindicato demanda a plicaicón da Lei de Defensa da Competencia, que impide a "explotación abusiva" das empresas pola súa posición de dominio

Agora, na súa petición, o SLG demanda a aplicación da Lei de Defensa da Competencia, que contempla a imposición de sancións por infracións graves que implican "abuso" e que aclaran, por exemplo, que "queda prohibida a explotación abusiva por unha ou varias empresas da súa posición de dominio en todo ou en parte do mercado nacional". 

Este abuso, tal e como aclara a lei, pode consistir na "imposición, de forma directa ou indirecta, de prezos ou outras condicións comerciais ou de servizos non equitativos", unha situación que o SLG e o resto de organizacións agrarias ven claramente acreditada. Porque a lexislación prohibe claramente o abuso da posición dominante dun comprador á hora de imporlle o prezo de compra, de maneira directa ou indirecta, ao seu fornecedor. "É dicir, a fixación dun prezo non equitativo abusando dunha posición de dominio no mercado de compra está prohibida pola Lei de Defensa da Competencia", insiste o sindicato. 

Case o 80% das explotacións galegas reciben menos de 29 céntimos por litro de leite cando os custos de produción sitúanse entre 34 e 40

Tal e como lembra o SLG, e segundo os propios datos de Medio Rural de febreiro deste ano, case o 80% das explotaciósn galegas (o 77%) recibiron polo litro de leite un prezo inferior aos 29 céntimos e o 6% destes pro baixo dos 20. As ciras do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) confirman esta tendencia: entre xaneiro de 2015 e febreiro de 2016 o importe en Galicia situouse nunha media de 0,288 euros por litro, cun máximo en febreiro de 2015 de 0,306 e un mínimo en xullo e 0,276.

De comparar estes números cos custos de produción que determina o Ministerio de Agricultura, a venda a perdas e o abuso é claro. Segundo os últimios datos dispoñibles, os custos de produción para explotacións lácteas situáronse en 0,4315 euros por litro en 2014. Para outros estudos oficiais, como a análise da cadea de valor encargado pola Interprofesional Láctea (Inlac) de febreiro de 2016, estes custos en Galicia sitúanse entre 0,338-0,395 euros por litro. Entre 5 e 10 céntimos máis que o importe que reciben a maioría dos gandeiros

E a situación é cada vez máis abafante. Tal e como explica o SLG, a eliminación de cotas provocou que as explotacións galegas e da cornixa cantábrica (unha produción de máis do 60% do leite do Estado) quedasen a mercé do poder da industria da transformación. Situadas en zonas de difícil acceso e afastadas dos núcleos de consumo, as granxas sofren o "poder que exercen abusivamente na imposición de condicións, especialmente as referidas ao prezo, para recoller un produto altamente perecedoiro como é o leite".

Desde a organización agraria denúnciase, mesmo, "casos de extorsión" por parte das industrias, que ameazan as granxas coa non recollida do leite ao tempo que se lles entrega o contacto doutras empresas para que negocien con elas ante o abandono das rutas de recollidas. A súa opción, en moitos casos, é optar por outra empresa que aínda paga menos que a primeira delas. 

Concentración do SLG ante Logística Alimentaria o pasado 22 de maio © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.