Dous de cada tres concellos galegos reduciron a súa débeda o pasado ano

A Coruña é o concello galego con máis débeda, seguido de Compostela Dominio Público Praza Pública

208 dos 314 concellos galegos manteñen algún tipo de débeda, segundo as últimas cifras publicadas polo Ministerio de Facenda correspondentes ao 2015. Porén, ao longo do pasado ano dous de cada tres (202) reduciron os seus números vermellos e só 22 localidades os incrementaron; os outros 90 mantiveron os datos, entre eles os 86 que xa non presentaban débedas en 2014.

Vigo é a cidade con menos débeda, con apenas 12 millóns de euros, case a metade que en 2014

En total, os concellos galegos suman unha débeda total de 518 millóns de euros, apenas o 1,79% do total acumulado polos municipios de toda España, e recortándoa dende os 584 millóns de 2014. De feito, a cidade de Madrid ten unha débeda viva de 4.767 millóns, e unha localidade como Jerez de la Frontera (Cádiz), con tan só 212.000 habitantes, suma tanta débeda coma os 314 concellos galegos. Por comunidades, Madrid, Andalucía e Catalunya presentan os maiores descubertos, acumulando entre as tres case dous de cada tres euros de débeda.

Os Blancos (2.719 euros) e Catoira (1.370) son as dúas localidades con máis débeda por habitante

A Coruña é a localidade galega con máis problemas neste senso, con 84 millóns, seguida de Santiago de Compostela, Ferrol e Ourense. Entre as urbes, destaca no extremo contrario Vigo, con apenas 12 millóns de euros de débeda, case a metade que en 2014. A Coruña, Boiro, Verín, Negreira, Bueu, A Cañiza ou Outeiro de Rei son os concellos que máis incrementaron os seus números vermellos o pasado ano. Pola contra, cómpre salientar os casos de Sada, Cedeira, Muíños, San Amaro, Betanzos, Fene, Padrón, Cervo, Carballo, Rianxo, Caldas de Reis, Ortigueira, A Pobra do Caramiñal, Culleredo, Ponteareas, Ordes, Lalín, Redondela, Ribeira, Pontevedra, Vilagarcía ou Lugo, que xunto coa cidade olívica son as administracións locais que máis reduciron a súa débeda en 2015. 

Os Blancos (2.719 euros) e Catoira (1.370) son as dúas localidades con máis débeda por habitante. Xunqueira de Espadanedo, Porqueira, Nogueira de Ramuín e Avión superan tamén os mil euros, unha cantidade á que se achega A Bola.

En canto ás Deputacións provinciais, A Coruña e Lugo non presentan débeda (as únicas de todo o Estado, xunto con Soria e Ciudad Real)

En canto ás Deputacións provinciais, A Coruña e Lugo non presentan débeda (as únicas de todo o Estado, xunto con Soria e Ciudad Real), mentres que si o fan Pontevedra (40,67 millóns) e Ourense (27,76). Cifras en todo caso moi por debaixo da media dos entes provinciais españois, que en conxunto suman unha débeda de 5.822 euros, encabezados polas deputacións forais de Biscaia, Guipúscoa e Araba, o Cabildo Insular de Tenerife e a Deputación Provincial de Valencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.