Alcoa busca comprador para as plantas galegas e engade incerteza aos traballadores

Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Alcoa xa busca comprador para as súas dúas fábricas galegas e máis a de Aviles. Segundo adiantou o diario económico Expansión este luns, a multinacional puxo a venda as súas factorías no Estado e vén de contratar os servizos de Goldman Sachs para auditar e valorar os diferentes centros. Todo ao abeiro dun programa de avaliación de activos que se activou hai xa dous anos a nivel mundial co obxectivo de minguar a súa produción, reducir os custos e despedir case 14.000 empregados. 

Desde o comité da planta coruñesa asegúrase que nas últimas semanas houbo visitas á planta de representantes de compañías externas, algo que creou inquedanza entre o cadro de persoal. Segundo o vicepresidente do comité de empresa, Nazario Arias, en declaracións a EFE, entre os que visitaron as instalacións de Alcoa estaría tamén o axente dunha factoría á que a multinacional xa vendeu unha planta en Alacant. 

Desde Alcoa trasládase a mensaxe de que aínda non hai ningunha decisión tomada sobre ningunha planta, tampouco sobre as galegas, e que no momento que se decida trasladarase a decisión ao persoal. É o mesmo que se lle di aos traballadores, que manteñen a incerteza ante a posta en xogo duns 2.000 postos de traballo en Galicia. 

A decisión que tome Alcoa ameaza uns 2.000 postos de traballo en Galicia

Segundo o diario Expansión, Alcoa analiza distintas opcións para o futuro: desde a venda dalgúns centros produtivos a un terceiro até mesmo unha alianza cun socio industrial que queira participar nas devanditas plantas. 

En Marea denuncia o "desleixo do PP cos traballadores" e insta a Feijóo a reunirse co comité de empresa

Desde En Marea, denuncian o "desleixo do PP cos traballadores de Alcoa" e instan a Feijóo a reunirse co comité de empresa, tras "varios meses de incertezas sobre o futuro, con movementos opacos por parte da empresa sobre unha posible venda das plantas sen ningún tipo de información aos traballadores". 

Ademais, a coalición insta o Goberno en funcións a "dar cumprimento aos seus compromisos e garantir a viabilidade do grupo siderúrxico mantendo os postos de traballo". "Feijóo debería tomar cartas no asunto e a manter a reunión que o comité de empresa lle solicitou hai máis dun mes para informalo de primeira man dos seus problemas e buscar unha solución política que garanta o traballo local nas factorías. Pero a xulgar pola súa desidia con este sector parece que lle preocupa pouco que se perdan case 2.000 postos de traballo fundamentais para as comarcas da Coruña e da Mariña Luguesa", di a ex deputada e candidata pola Coruña, Yolanda Díaz. 

Factoría de Alcoa en San Cibrao Dominio Público CIG
Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.