0 Gardados para despois

A UE desoe a unánime demanda do sector lácteo de controlar a produción

Redacción | @prazapublica

O Parlamento Europeo celebrou unha audiencia con representates do sector lácteo para analizar a actual situación de crise e de redución dos prezos ofrecidos aos produtores. Na sesión participou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba Seivane, que cualifica de "agridoce" o resultado final. Na parte positiva, o sindictato salienta que por vez primeira "houbo unanimidade en recoñecer a necesidade de xestionar a oferta de leite a través de controis sobre a produción", unha medida que -destaca- "veu defendendo sempre en solitario a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), especialmente dende a fin do sistema de cotas". A esta posición sumáronse desta volta os representantes de COPA e COGECA, contrarios até agora a calquera tipo de regulación, o mesmo que a European Milk Board, a Comisión e Parlamento europeos.

A pesar do diagnóstico compartido, non se adoptou a decisión de fixar unha redución global da produción. Aprobouse que este control da produción sexa voluntario e opcional en cada país

Porén, a pesar deste diagnóstico compartido, non se adoptou a decisión de fixar unha redución global da produción. Aprobouse, coa oposición da ECVC, que este control da produción sexa voluntario e opcional en cada país. Para o SLG, "o fracaso desta acción xa puidemos constatalo en que a produción segue aumentando, especialmente en países como Irlanda ou Holanda". En España, sinala o sindicato, o Ministerio de Agricultura negouse a incentivar a redución da oferta de leite, e a industria non amosou vontade de aplicala e mesmo puxo atrancos, como pedirlle un ditame ao respecto á Comisión Nacional do Mercado e da Competencia, cando a propia Comisión Europea xa autorizara a excepcionalidade da medida.

A propia Comisión Europea, que cualificou a situación do sector como "dramática", admitiu que se aplicaron todos os mecanismos de control previstos e que non foron efectivos

A propia Comisión Europea, que cualificou a situación do sector como "dramática", admitiu que se aplicaron todos os mecanismos de control previstos e que non foron efectivos, manténdose "un incremento descontrolado da oferta de leite que non responde a unha demanda real de consumo co conseguinte afundimento dos prezos en orixe", explica o SLG. Para Isabel Vilalba “foi moi frustrante que, a pesares de admitirse unanimemente a necesidade de reducir e controlar a produción de leite, e a pesares de coñecerse a posición de abuso e dominio das industrias, se siga mareando a perdiz e perdendo o tempo apostando por medidas que están a fracasar, como o control voluntario da produción por países”.

Pola súa banda, na sesión plenaria celebrada na Eurocámara, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lidia Senra, sinalou que "precisamos que a Unión Europea asuma a necesidade de aplicar unha redución obrigatoria da produción, reequilibrar oferta e demanda, redistribuír a produción entre as produtoras e produtores da UE, garantir prezos que cubran os custos de produción, apostar por modelos de produción sustentábeis e reorientar a produción cara o mercado interno". "Crises como esta son consecuencia do abandono das políticas públicas e poñen de manifesto que o mercado internacional é un espellismo que foi empregado para condenar ás produtoras e produtores de leite e deixalos totalmente vulnerábeis nas mans da industria e da distribución", engadiu Senra.

"Crises como esta son consecuencia do abandono das políticas públicas e poñen de manifesto que o mercado internacional é un espellismo", afirmou Lidia Senra

A eurodeputada galega replicou a intervención do Comisario de Agricultura, Phil Hogan, sinalando que "é mentira que a crise sexa responsabilidade dos gandeiros e gandeiras. A crise do sector leiteiro provocárona as institucións europeas e son elas quen teñen que pór as solucións". Senra tamén interpelou ao presidente en funcións do Consello, Hans Hoogeveen, quen na súa intervención asumira o fracaso do paquete lácteo pero avogara por reforzar a flexibilidade de actuación dos Estados membros derivando cara eles parte da responsabilidade na solución. "Sr. Hoogeveen, non é certo que a crise do sector leiteiro a vaian resolver os Estados. A crise do sector leiteiro é europea e precisa respostas europeas" -dixo Senra- "Máis axudas de Estado para resolver esta crise significa condenar ás gandeiras e gandeiros dos Estados do Sur, dos Estados da periferia empobrecidos e intervidos pola Troika". "Hai solucións políticas, so depende da vontade política", concluíu.

 

Control público da produción

Na audiencia celebrada na Eurocámara tamén houbo consenso á hora de determinan que existe "unha posición de dominio total das industrias e distribuidoras na cadea de valor do sector lácteo que non garante unhas marxes dignas para as granxas produtoras"

Na audiencia celebrada na Eurocámara tamén houbo consenso á hora de determinan que existe "unha posición de dominio total das industrias e distribuidoras na cadea de valor do sector lácteo que non garante unhas marxes dignas para as granxas produtoras", en palabras do SLG. A Coordinadora Europea da Vía Campesina sinala a este respecto que "temos que crear as bases para que haxa uns prezos mínimos dignos no sector, e non facelo supón seguir mantendo a tremenda inxustiza de que boa parte dos gandeiros e gandeiras de Europa sigan a cobrar o leite a prezos por baixo dos custes de produción". Estas bases chegarían, engade, a través "dun control público da produción en toda a Unión Europea e que se adapte ás circunstancias de cada país", así coma "unha negociación colectiva deses prezos en pé de igualdade para as partes negociadoras baseada en índices oficiais que fixen os custes de produción".

O SLG demandou "un control público da produción en toda a Unión Europea" e "unha negociación colectiva de prezos en pé de igualdade"

"Seguir perdendo o tempo con accións inútiles e debates estériles que rara vez se traducen en accións concretas, como está a facer agora a Comisión Europea, supón seguir apostando pola ruína de boa parte do sector lácteo, a destrución de miles de postos de traballo e o desmantelamento da produción en amplas zonas de Europa", conclúe o SLG, que engade que "as medidas para enfrontar a crise dende Bruxelas, máis alá de non solucionar nada, poden agravar aínda máis a situación e agudizar a desigualdade no sector, xa que a voluntariedade vai fomentar -e de feito xa o está facendo- unha guerra entre países produtores e entre as propias granxas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.