Os salarios galegos, por debaixo dos de 2010, sobre todo entre a mocidade

Os soldos das persoas menores de 35 anos son os que máis se reduciron Dominio Público Praza Pública

A crise económica deixou un escenario de máis desemprego, máis precariedade laboral e, ligado a isto, salarios máis baixos para aqueles e aquelas que si teñen un traballo remunerado. A enquisa de estrutura salarial publicada onte polo INE certifica que os soldos eran máis baixos en Galicia en 2014 que en 2010, unha situación que sobre todo afectou aos traballadores e traballadoras máis novas e a aquelas persoas con contratos temporais. 

En 2014 o salario bruto anual medio en Galicia situouse nos 20.196 euros, por debaixo dos 20.242 de 2010. No conxunto do Estado si se produciu unha pequena suba

A enquisa de estrutura salarial é un estudo de carácter cuadrienal que aínda que non presenta datos actualizados, si permite ter unha imaxe moi confiable da situación, dada a solidez da súa mostra, con información de 220 mil traballadores e traballadoras en todo o Estado. En 2014 o salario bruto anual medio en Galicia situouse nos 20.196 euros, por debaixo dos 20.242 de 2010. Galicia era a terceira comunidade con salarios máis baixos, superando unicamente a Canarias e Estremadura. No conxunto do Estado neste período si se produciu unha pequena suba, dende os 22.790 de 2010 ata os 22.858 euros de 2014.

En Galicia a evolución dos salarios é máis negativa canto máis precarias son as condicións dos contratos. Así, mentres que as persoas con contratos indefinidos viron caer o seu salario dos 21.780 euros ata os 21.592, as persoas con contratos temporais sufriron unha rebaixa maior: de 15.707 a 15.229.

En 2010 os asalariados e asalariadas galegas de 25 a 35 anos gañaban unha media de 17.549 euros anuais, e catro anos máis tarde esta cantidade se reducira a 16.312, un descenso de case un sete por cento

De igual xeito, os recortes salariais afectan sobre todo aos traballadores e traballadoras máis novas (que son quen sofren máis a temporalidade). En 2010 os asalariados e asalariadas galegas de 25 a 35 anos gañaban unha media de 17.549 euros anuais, e catro anos máis tarde esta cantidade se reducira a 16.312, un descenso de case un sete por cento. No grupo de idade seguinte (de 35 a 44) tamén se produciu un recorte (de 20.942 a 20.342), de case un 3%. Mentres, por riba dos 45 anos, o salario medio case non varía (baixa menos de cen euros).

De igual xeito, o comportamento dos salarios foi mellor para as persoas con máis antigüidade na súa empresa, mentres que os traballadores e traballadoras con menos tempo nesa ocupación foron quen máis recortes experimentaron. As persoas con entre 1 e 3 anos de antigüidade viron baixar o seu soldo dos 17.182 aos 16.121 euros, case un 6%. De 4 a 10 anos de antigüidade, o descenso foi de 19.861 a 19.051 euros, un 4%. De 11 a 20 anos, a caída foi de 24.931 a 23.729 euros, case un 5%. En cambio para aqueles e aquelas con 21 a 29 anos de antigüidade, o recorte foi menor (de 29.926 a 29.479, un 1,7%) e os traballadores e traballadoras con máis 30 anos de antigüidade si viron crecer os seus soldos de forma clara: de 28.219 a 29.229 euros, un 3,5%.

A caída salarial afectou sobre todo aos soldos do sector servizos (que agrupa a gran maioría dos e das traballadoras galegas), que baixaron de 19.778 a 19.420 euros. En cambio, os salarios na construción e na industria si creceron (de 19.779 a 20.620 e de 22.136 a 23.068, respectivamente). Reduciuse un chisco a fenda de xénero, pois os salarios das mulleres si creceron lixeiramente (de 17.691 a 17.797), pero seguen case cinco mil euros por debaixo dos soldos dos homes (que baixaron de 22.626 a 22.505).

A caída salarial afectou sobre todo aos soldos do sector servizos

O recorte salarial afecta a case todos os traballadores e traballadoras, independentemente do seu nivel de estudos: así, o descenso sufrido polo conxunto dos licenciados e licenciadas universitarias é dun 4%, e o dos diplomados e diplomadas dun 5,3%. As persoas con titulacións profesionais superiores tamén sofren recortes por riba do 5%, e aquelas co título de bacharelato ou ciclos profesionais medios teñen descensos do 7,3%. Tamén se reducen os salarios medios das persoas con estudos primarios e só crece o soldo medio daqueles e aquelas cun nivel de ensino secundario obrigatorio.

Os soldos das persoas menores de 35 anos son os que máis se reduciron Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.