Como impulsar o galego nas empresas, en 17 accións

O curso de verán Traballando en Lingua celebrouse a comezos de xullo en Carballo © CTNL

O curso de verán #traballandoenlingua no ámbito socioeconómico, celebrado en Carballo hai uns días, vén de publicar as súas conclusións, que se resumen en 17 recomendacións para incrementar o uso da lingua. O encontro estivo organizado pola Universidade da Coruña coa colaboración da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o propio Concello de Carballo e contou coa participación de representantes do empresariado, consumidores/as, traballadores/as da lingua, administración e da universidade.

Destacan a necesidade de endenter e potenciar o valor da lingua galega como elemento de diferenciación comercial e como valor turístico

As suxestións e medidas son moi variadas, pero entre elas destaca a necesidade de endenter e potenciar o valor da lingua galega como elemento de diferenciación comercial e como valor turístico ("As empresas non apostan pola lingua por unha cuestión de militancia lingüística. Fano, como é lóxico, por diferenciarse das competidoras e por darlle un valor engadido ao que venden. E iso é bo"). Así mesmo, destácase a importancia crecente dos e das consumidoras á hora de reclamar un maior uso do idioma ante as empresas.

Tamén se sinala a maior receptividade existente nos últimos anos nas empresas e tamén nas asociacións de empresarios ("Hai algo que cambiou nos últimos anos, e é que hai certa receptividade a escoitar propostas de posta en valor do galego por parte das empresas, que non hai rexeitamento xeneralizado de entrada ao uso do galego").

Tamén se sinala a maior receptividade existente nos últimos anos nas empresas e tamén nas asociacións de empresarios

E pídeselle ás administración que poñan en marcha unha serie de medidas para potenciar o uso da lingua nas empresas, premiando as accións positivas, e esixíndollo ás compañías que reciban contratos coas institucións ("cómpre destacar a necesidade de que as administracións establezan requisitos lingüísticos nas compras, contratacións e concesións, e que demanden un maior uso do galego"). Finalmente, recoméndase "incentivar o uso do galego na paisaxe lingüística comercial das vilas".

 

As 17 conclusións

"Cómpre destacar a necesidade de que as administracións establezan requisitos lingüísticos nas compras, contratacións e concesións, e que demanden un maior uso do galego"

  1. Espazos de debate para que empresariado, traballadores/as, consumidores/as, publicistas e persoas que traballan a prol da lingua reflexionen xuntos/as e planifiquen a posta en valor do galego no ámbito socioeconómico.
  2. Desenvolvemento dun plan específico para o sector, tomando como base o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020 da Xunta.
  3. Destacouse como "oportunidade" que a Confederación de Empresarios/as de Galicia (CEG) "teña unha actitude favorable á normalización da lingua e que tenda a man para a colaboración".
  4. Diferenciación e valor engadido. En xeral as empresas non apostan pola lingua por unha cuestión de militancia lingüística. Fano, como é lóxico, por diferenciarse das competidoras e por darlle un valor engadido ao que venden. E iso é bo.
  5. Recoñecemento. É necesario “premiar” e/ou “recoñecer” o uso do galego por parte das empresas. Unha boa maneira sería a través dun selo público que, entre outros valores de responsabilidade social (ecoloxía, igualdade, etc.), incluíse o uso e posta en valor da lingua.
  6. Colectivos favorables. Débese contar co traballo e experiencia dos colectivos e asociacións que xa teñen traballo feito para a galeguización empresarial, e tamén se debe recoñecer o seu traballo e logros.
  7. Mensaxe positiva. Cómpren mensaxes e accións para que o ámbito da publicidade perciba que o galego crea valor e diferenciación, suma e permite que a clientela asocie o produto con calidade e proximidade.
  8. Paisaxe lingüística comercial. Pola súa visibilización, estabilidade e permanencia, é fundamental incentivar o uso do galego na paisaxe lingüística comercial das vilas.
  9. Importancia das persoas consumidoras. Unha masa moi importante de consumidores/as ven con bos ollos que as empresas se comuniquen con eles/as en galego. Cómpre facerlles ver ás empresas que o non facelo pode restarlles clientes e que a comunicación en galego é un aspecto máis dunha atención ao cliente de calidade.
  10. Valor turístico. Cómpre achegarlle mensaxes ao sector do turismo para que perciba que o galego é un valor que non poden
    esconder, ao contrario, é mellor visibilizalo e aproveitalo como un patrimonio máis que atrae visitantes.
  11. Acción da administración. Cómpre destacar a necesidade de que as administracións establezan requisitos lingüísticos nas compras, contratacións e concesións, e que demanden un maior uso do galego.
  12. Empresas de apoio. Hai empresas que traballan coa lingua como ferramenta e servizo.  Cómpre valorar estas empresas e difundilas entre o sector privado.
  13. Responsabilidade social corporativa. Hai unha necesidade de que o uso da lingua galega se teña en conta como marca de respecto e compromiso coa realidade na que opera unha empresa.
  14. Lusofonía. Cómpre aproveitar a potencialidade da lusofonía e da intercomprensión mutua entre galego e portugués tanto para a internacionalización das empresas como para que os/as traballadores/as vexan que o galego pode abrirlles máis portas.
  15. Maior receptividade na empresa. Hai algo que cambiou nos últimos anos, e é que hai certa receptividade a escoitar propostas de posta en valor do galego por parte das empresas, que non hai rexeitamento xeneralizado de entrada ao uso do galego. Quizais aí está o froito de anos de traballo, que non foron en balde.
  16. Análise. Cómpre actualizar os estudos existentes sobre a lingua no ámbito socioecónomico para coñecer mellor actitudes, usos e necesidades, de xeito que guíen actuacións posteriores.
  17. Activación da clientela. Os esforzos na dinamización da lingua deben ser bidireccionais: hai que traballar co empresariado (facéndolle ver que o galego suma) pero tamén coa clientela (para que tamén faga saber que prefire ou, polo menos, que lle agrada comprar produtos e servizos en galego).

 

O curso de verán Traballando en Lingua celebrouse a comezos de xullo en Carballo © CTNL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.