Xunta e concellos únense para apoiar as marcas que etiquetan en galego

Os alcaldes de Compostela, Ferrol e A Coruña e a alcaldesa de Lugo © Concello da Coruña

Os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Oroso, así coma a Xunta de Galicia, asinaron este sábado a Carta de Consumo Responsable e Solidario coas Marcas que Etiquetan en Lingua Galega, impulsada pola Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e o Foro Enrique Peinador e á que están adheridas catorce empresas.

Na Carta recóllese o compromiso das institucións coa calidade e o aproveitamento sostible dos recursos naturais, así como pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat, que permiten dar aos produtos galegos unha personalidade propia. Neste documento contémplase tamén o deber responsable á hora de decidir que produtos se consumirán, coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país. Así mesmo, inclúese o deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso de etiquetar en galego as súas elaboracións ou que usan a nosa lingua nas súas campañas de promoción e comunicación.

Na Carta inclúese o deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso de etiquetar en galego as súas elaboracións ou que usan a nosa lingua nas súas campañas de promoción e comunicación

No acto, organizado polo propio Concello de Santiago participou o alcalde, Martiño Noriega, e tamén os rexedores da Coruña, Xulio Ferreiro; Lugo, Lara Méndez; Ferrol, Jorge Suárez; a alcaldesa en funcións de Ourense, Flora Moure; o vicepresidente da FEGAMP e alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé Martínez; o coordinador xeral da IRGADE, Xosé Carballido; a xerente de Leite Noso (Deleite), Patricia Sánchez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Precisamente, Valentín García salientou na súa intervención que “o idioma propio de Galicia, alén de constituír un valor como denominación de orixe e de implicar un plus de confianza e proximidade cos consumidores, abre tamén a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode redundar nun beneficio á hora de falar resultados económicos para as empresas”,

 

Os e as representantes municipais, nun momento do acto © Concello da Coruña
Os e as participantes, este sábado en Compostela © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.