0 Gardados para despois

Feiraco, Xallas, Os Irmandiños e Melisanto únense nunha gran cooperativa láctea

Redacción | @prazapublica

O lácteo recibe unha boa nova. Feiraco, Irmandiños  Xallas e Melisanto, as catro grandes do cooperativismo no sector en Galicia, integraranse nunha cooperativa de segundo grao. Farano co obxectivo de darlles ás explotacións que as compoñen maior competitividade e eficiencia a través da integración de servizos e de xestión de compras co obxectivo de abaratar custos e soportar mellor as variacións nos prezos do leite. 

Nun acto celebrado este luns, os presidentes das catro cooperativas recoñeceron estar ante unha "chamada importante" a liderar o que será o gran grupo cooperativo galego e que está aberto a outras moitas, non só en Galicia, senón tamén noutras zonas do Estado e mesmo en Europa. "Queremos gañar competitividade e eficiencia nos nosos produtores", recoñeceron tras asumir que "nun curto prazo" non van poder "influír no prezo do leite" pero "si en aforrar custos e en ser máis competitivos". 

"Non imos poder influír no prezo do leite nun curto prazo, pero si en aforrar custos e en ser máis competitivos"

En todo caso, as coperativas que queiran integrarse deberán contar cun capital de base mínimo de 2 millóns de euros. O proxecto, agora, será sometido a votación por cada unha das asembleas das sociedades o vindeiro luns 31. De dárenlle os socios o visto e prace á operación, esta cooperativa de segundo grao -onde os asociados son cooperativas en réxime de federación- botaría a andar xa o 1 de xaneiro de 2017. 

A produción conxunta das catro sociedades ascende aos 413 millóns de litros o 20% do que se produce en Galicia

Coa eterna aspiración de crear á fin o gran grupo lácteo galego, esta integración cooperativa semella un paso na boa dirección. A produción conxunta das catro sociedades ascende aos 413 millóns de litros de leite -o 20% de toda a de Galicia-, producen tamén 240.000 toneladas de pensos e sumarían 4.240 socios e uns 430 traballadores. Feiraco controlará o 45,3% do capital; os Irmandiños, o 30,7%; Melisanto, o 12,6%; e Xallas, o 11,4%. Ademais, a facturación conxunta das catro empresas foi de case 200 millóns de euros no pasado ano. 

A nova sociedade levará a cabo numerosas actividades, desde a fabricación de pensos até a recollida, envasado e distriburción de leite e outros derivados, pasando por servizos de asistencia á reprodución do gando e alimentación, veternarios, así como xestión administrativa e económica. Ademais, os socios poderán acceder a seguros, maquinaria, gasóleo ou tendas agrícolas.

Aínda que o novo grupo cooperativo non descarta contar no futuro cunha nova planta industrial, xa dispón polo momento das de procesado de Feiraco e Clesa (participada por Feiraco, Irmandiños e Melisanto). Ademais, disporá de fábricas de produción de pensos en Santa Comba, Ribadeo, Melide e Ponte Maceira e de tendas agrarias en Melide, Ponte Maceira, A Picota, Ordes, Santa Comba e Ribadeo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.