"Hai que facilitar a xestión do monte, para evitar que a xente o abandone"

A campaña #teñomonte continuará este venres en Compostela Dominio Público emonte

Hai unhas semanas botou a andar eMonte.es, unha plataforma de compra/venda de madeira entre propietarios e propietarias forestais e empresas. A iniciativa busca incrementar a competencia e a variedade de ofertas, simplificar e reducir os trámites necesarios e limitar os intermediarios, favorecendo deste xeito ás dúas partes. O proxecto xurdiu ao abeiro da iniciativa Semente de Monforte, nacida co impulso do premio da lotaría caído na vila lucense. Máis adiante participou en varias aceleradoras de empresas e contou coa axuda de XesGalicia.

"A súa oferta vai ser moito máis visible: ata agora só contactaban con 2 ou 3 posibles compradores e agora todas as empresas de Galicia saben que hai este lote, polo que poden conseguir máis competencia en prezos"

"Ofrecémoslles aos e ás propietarias unha forma moi cómoda de vender a súa madeira. Tan só teñen que encher formulario moi sinxelo, evitando ir tantas veces ás fincas como vén sucedendo ata agora. Ademais, a súa oferta vai ser moito máis visible: ata agora só contactaban con 2 ou 3 posibles compradores e agora todas as empresas de Galicia saben que hai este lote, polo que poden conseguir máis competencia en prezos", destaca Vítor Rivas, principal promotor da iniciativa. "De igual xeito, as empresas acceden a máis clientes e lotes, e poden coñecer as características do lote sen ter que desprazarse necesariamente ata alí, e sen ter que concertar unha cita co propietario ou propietaria", engade.

"Antes os propietarios vivían nas aldeas e tiñan o tempo suficiente para xestionar o seu monte e vender a madeira se querían. Agora, co éxodo do rural, viven lonxe e non teñen tempo; hai que facilitarlles o traballo, para evitar que a xente abandone o monte"

"Case 1 de cada 4 galegos temos un anaquiño de monte, máis grande ou máis pequeno" -destaca Rivas- "Antes os propietarios vivían nas aldeas e tiñan o tempo suficiente para xestionar o seu monte e vender a madeira se querían. Agora, co éxodo do rural, viven lonxe e non teñen tempo; hai que facilitarlles o traballo, para evitar que a xente abandone o monte". Comenta, ademais, que aínda que as persoas que xestionan estas propiedades ás veces son de idade avanzada, en moitas ocasións os seus fillos/as e netos/as axúdanlles a empregar as ferramentas dixitais: "A miña avoa ten 85 anos e é usuaria de Fotocasa, pero non sabe acender o ordenador. Son eu, o neto, o que lle sube alí as fotos e a información e quen responde as mensaxes. Iso que funciona nos portais inmobiliarios pode funcionar coa venda de madeira". 

 

Campaña #TeñoMonte

O pasado 8 de outubro deu comezo en Compostela a campaña #TeñoMonte, que recibiu un dos premios da IV edición do Concurso de Publicidade Comercial en Galego. A campaña busca dar a coñecer a iniciativa de eMonte e, ademais, recuperar os nomes tradicionais do monte galego coa colaboración das persoas que teñen monte en propiedade e da propia veciñanza da cidade.

Este venres 21 terá lugar a segunda xornada da campaña, instalándose de 17 a 20 horas un photocall na Praza do Toural. As persoas que así o desexen poderán facer unha foto co nome do seu monte, poñendo de relevo a riqueza dos microtopónimos que existe por toda a xeografía galega. Os e as participantes levarán de agasallo un pequeno carballo, procedente de Viveiros Salgado (Beán, Ordes), e participarán no concurso dunha estadía dunha noite para dúas persoas nunha cabana situada en Outes (Cabanas do Barranco). A iniciativa repetirase o 4 de novembro na Praza Roxa. Tamén se pode participar a través da rede, explicando como se chama o monte e onde está.

Un segundo concurso desenvolverase igualmente a través da rede, enviando a través de Facebook unha anécdota sobre o monte: algo que nos pasou persoalmente, unha historia que escoitamos sobre ese monte, recordos de como era antes, etcétera. O público decidirá cos seus votos cales son as mellores historias.

 

Instrumento gratuíto para os e as propietarias

O propietario forestal pode incorporar lotes de madeira en eMonte de xeito totalmente gratuíto e, de igual xeito, non ten que pagar ningunha cantidade pola venta da súa madeira a través do portal. Se a propietaria ou propietario recibe algunha oferta pola súa madeira por parte das empresas rexistradas en eMonte e decide rexeitala deberá pagar, iso si, 90 euros; "esta penalización está estipulada para evitar un mal uso da aplicación, xa que eMonte non é unha ferramenta para valorar a madeira do monte, senón que é unha ferramenta para comprar e vender madeira", explican. Non existirá penalización se o propietario ou propietaria fixa de antemán un prezo de saída para o lote. Aquelas empresas interesadas en mercar lotes a través do portal deberán estar rexistradas no denominado Green ABC. A cota anual para as empresas (gratuíta ata final de ano) será de 300 a 800 euros anuais. Ademais, as empresas deberán pagar o 1% do valor total da operación. 

A cota anual para as empresas (gratuíta ata final de ano) será de 300 a 800 euros anuais. Ademais, as empresas deberán pagar o 1% do valor total da operación

Na actualidade son xa 50 as empresas inscritas, de Galicia e de Portugal, que tamén atoparon que emonte pode ser "un sistema interesante para mercar madeira aquí". E, por exemplo, neste momento hai 8 lotes pendurados, á espera de atopar un comprador.

eMonte lanzou tamén unha aplicación móbil que permite ao igual que a web buscar lotes, acceder á súa ficha e pedir instrucións para chegar á localización exacta da finca, utilizando a tecnoloxía de xeoposición do móbil. Vítor Rivas explica que seguen traballando en incorporar novas funcionalidades ao proxecto, que poderían ver a luz no remate do primeiro trimestre de 2017.

 

A campaña #teñomonte continuará este venres en Compostela Dominio Público emonte
Captura de pantalla da web © emonte
Algúns dos e das participantes no photocall © eMonte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.