O Popular oferta prexubilacións cun límite do 75% do salario e despidos con 28 días

Oficina do Banco Pastor CC-BY-NC-SA CIG

O Grupo Popular vai detallando as condicións do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) co que prevé prescindir duns 435 traballadores en Galicia -un de cada catros- e un total de 2.900 persoas en todo o Estado ata o vindeiro 30 de xuño de 2017. Non deixou moi conformes aos sindicatos a oferta do banco, que limita as prexubilacións aos empregados de máis de 55 anos, con entre o 65% e o 75% do salario anual pensionable, e que para o resto de afectados suporá como máximo unha indemnización de 30 días por ano traballado e un límite de 18 mensualidades. 

O Popular limita as prexubilacións aos empregados de máis de 55 anos, con entre o 65% e o 75% do salario e o pagamento da Seguridade Social

A entidade divide en cinco grupos aos afectados polo ERE. Un deles sería o dos que superan os 59 anos, aos que se lles ofrece o 75% do salario neto e coa Seguridade Social correndo ao seu cargo. Noutro estsarían os que teñen  ou cumpren 58 anos durante 2016, aos que se lles pagaría o 70% do salario e tamén coas taxas ao seu cargo. Entre os primeiros e os segundos, o Popular prevé incluír unhas 1.800 persoas nestes supostos, pero limita a 120 a segunda opción, unha mínima cantidade dos implicados no ERE que xa foi censurada polos sindicatos. 

No caso do terceiro grupo, este abranguería traballadores entre 55 e 57 anos e o importe a cobrar sería do 65% do salario e tamén tendo que cargar coa Seuridade Social, aínda que o número de empregados incluídos neste suposto é moi minoritario e non alcanzaría nin un cento. Xa que logo, e a partir de aquí, sobre un milleiro de persoas no conxunto do Estado terían que acceder aos finiquitos, que non contentan aos sindicatos. O máximo a cobrar sería para aqueles entre 50 e 54 anos, cunha indemnización bruta de 30 días por ano traballado e un límite de 18 mensualidades. De aí para abaixo, 28 días e un tope de 15 meses. 

Á maioría dos afectados polo ERE ofréceselles 28 días por ano traballado e un límite de 15 meses

En declaracións aos medios, os sindicatos cualifican de "insulto" esta oferta e entenden que así será difícil que os traballadores se acollan ás baixas voluntarias. No caso de que até o final do período do ERE non se cubran o total de baixas durante o período voluntario, o Popular acorda outros "criterios de afectación" e que inclúe os afectados polo peche de oficinas, aqueles que traballan onde se reducen os días de apertura ou os máis pequenos. 

En Galicia, e segundo calculan os sindicatos, serían até 270 as persoas que poderían acollerse ás prexubilacións dun total de 435 dos que prescindirá o Grupo Popular, entre os que se inclúen tamén traballadores do Pastor, os máis afectados en número. Os sindicatos manteñen as mobilizacións en Galicia, que se reinician este mesmo xoves en Vigo e que continuarán o venres en Compostela. Serán 42 as oficinas que pechará a entidade no país. 

Ángel Ron, presidente do Banco Popular CC-BY-SA Victoriovipnet360

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.