0 Gardados para despois

Viriato ou Caramelo: a crise en parte dun téxtil galego que é moito máis que Inditex

Redacción | @prazapublica

Con Inditex á cabeza, o sector téxtil lidera a economía española, sendo a industria que máis riqueza xerou no último ano e con seis empresarios do ámbito na lista Forbes dos máis ricos. Con 81.500 millóns de euros, é o sector máis produtivo do Estado e a empresa galega a que máis contribúe, con 20.900 millóns en vendas en 2015 e 7.000 tendas espalladas polo mundo. O seu fundador, Amancio Ortega, aumenta a súa fortuna cos últimos dividendos e xa alcanza os 71.000 millóns de euros. Pero mentres todo isto ocorre, outras empresas do noutrora exitoso téxtil galego seguen sufrindo. A última Caramelo, que vén de ser disolta e abriu a fase de liquidación, ou Viriato.

O sector téxtil é o máis produtivo do Estado, con Inditex liderándoo; ao tempo, Caramelo pecha e Viriato afronta importantes problemas

Caramelo bota o peche e deixa na rúa 169 traballadoras, 79 delas en Galicia. Fundada nos anos 60, cerra ao non superar as perdas e a crise dos últimos anos, nos que afrontou un concurso e prescindiu de centos de empregados con dous ERE tras recibir millóns en axudas da Xunta. Por diante leva tamén outra histórica marca, Antonio Pernas, que hai unha década integrárase plenamente na compañía. 

As traballadoras acolleron con "sorpresa" a nova, tal e como recoñecía Víctor Ledo, responsable de CCOO-Industria, que lamenta que a compañía non buscase alternativas antes de pechas definitivamente. "Tiñamos propostas para unha viabilidade futura, como noutras empresas", explica quen advirte agora do "complexo proceso" de liquidación, que provocará que as empregadas tarden, ben seguro, un mínimo de medio ano en recibir o finiquito e o que lle adebede a empresa. 

En Marea pide a mediación da Xunta ante a crise de Viriato, unha empresa "viable, punteira e a máis significativa de Ordes"

Mentres, este mesmo mércores, o portavoz de En Marea, Luís Villares, e o deputado Manuel Lago, reuníronse con traballadores da empresa textil Viriato, outra histórica da comarca de Ordes que vén de presentar concurso voluntario de acredores apenas un ano despois dun ERE no que despediu 40 traballadores e tras pechar o ano pasado con máis de 2,5 millóns de perdas e acumular unha débeda de 10 millóns. 

Desde En Marea sinalan que é unha compañía "viable, punteira e a máis significativa da comarca", polo que piden a mediación e unha resposta clara por parte da Xunta. "É necesario un verdadeiro plan industrial", di Villares, que advirte que Viriato "pasa por unha situación de crise financeiro pero é viable neste momento" ao posuír unha importante carteiara de clientes e mercado e ser unha marca consolidada. 

As graves dificultades dalgunhas compañías contrastan co éxito doutras

Pero é outra empresa téxtil en perigo. Como Adolfo Domínguez, que desde hai máis de cinco anos perdeu o 70% do seu valor en bolsa, acumulou perdas e continúa a pechar tendas. No terceiro trimestre de 2016 acumulou perdas de 4,22 millóns de euros e triplicou os seus números vermellos. Con ERE continuos desde 2012, a crise da compañía ameaza tamén os traballadores da súa factoría en San Cibrao das Viñas. 

Mentres, outras empresas do téxtil seguen un camiño diferente e continúan a medrar. Por exemplo, Sociedad Textil Lonia, creada precisamente polos irmáns do deseñador Adolfo Domínguez, e Bimba y Lola, das súas sobriñas. A primeira delas é proietaria de Purificación García e a súa facturación, de máis de 300 millóns, triplica a da empresa da que se desvincularon. A segunda achégase aos 120 millóns. 

Hai xa máis dun ano, outra empresa textil botaba tamén o peche. Textilmendo, propietario da marca TMX, foi á liquidación dous meses despois de entrar en concurso de acredores. Estaba dirixida polos fundadores iniciais de Viriato, que agora pasa tamén por problemas. Pero as desgrazas dunhas contrarréstanse cos bos números doutras. Florentino, Nanos, Alba Conde, Pili Carrera... Son moitas as que continúan a abrir establecementos e medrando nun sector que, como lembran os sindicatos, xa tocou fondo. Galicia continúa a liderar as exportacións textís no conxunto do Estado. Perdéronse moitos empregos polo camiño e púxose fin a unha era. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.