A CIG non asina o ERE do Popular e prevé 400 despidos en Galicia

Protesta contra o ERE do Grupo Popular © CIG

O Grupo Popular vén de alcanzar esta fin de semana un acordo cos sindicatos para reducir en case 2.600 os empregos en todo o Estado. Farao, segundo advertiu, a través de "prexubilacións e outras modalidades de carácter voluntario" e conta con aforrar 200 millóns de euros. O acordo foi asinado, segundo a entidade financeira, por CCOO, UGT, Segrupo, FITC e AMYC, que representan o 86% da representación dos traballadores no conxunto do Estado, pero non pola CIG, central maioritaria no Banco Pastor, marca tamén maioritaria en Galicia. 

A CIG non asinou o ERE que si firmaron o 86% dos representantes dos traballadores

Non o asinou o sindicato nacionalista porque, insiste, o ERE suporá a perda de 400 postos de traballo en Galicia fronte aos 435 que se propuxeran inicialmente, ademaisi do peche total de 42 oficinas e o parcial nouras 25. As cifras son, para CIG-Banca, "intolerábeis" e "poderíanse paliar se a entidade aceptase aplicar medidas alternativas de organización". 

Con todo, nin o Grupo Popular nin CCOO, que si aceptou as condicións do ERE, son capaces e calcular cal será o número de persoas afectadas polo recorte en Galicia até que se coñeza con exactitude os traballadores afectados en cada unha das modalidades do ERE. 

A central nacionalista calcula que en Galicia haberá uns 400 despidos -fronte aos 435 previstos- e que se pecharán 42 oficinas

A CIG reivindica a súa negativa a asinar o ERE e non comparte as razóns da empresa para levar a cabo este expediente. "Non é certo que sobren 2.592 persoas porque en realidade na rede de oficinas falta persoal, e isto sábeo tamén a empresa, que mesmo recoñeceu que é un problema de organización do traballo", destaca. Alén disto, cuestiona a "voluntariedade" das saídas do persoal, xa que a empresa está a recorre á baza do medo e a incerteza das traballadoras e traballadores afectados con respecto ao futuro. "A voluntariedade na maioría dos casos é unha escolla entre o malo e o peor", denuncia.

Segundo os datos feitos públicos por CCOO a nivel estatal, os despedidos dividense nos seguintes grupos: 1.700 personas de 59 anos ou máis, 200 de 58 anos susceptibles de adhesión, 100 de 55 a 57 anos susceptibles de adhesión ou 200 que poden acollerse a excedencias de mutuo acordo. Desde o sindicato deféndese que o acordo achega "solucións" ao proporcionar "medidas voluntarias e o menos traumáticas posibles". 

Ao colectivo de traballadores de 59 anos ou máis, o banco ofrece o 75% do salario bruto ou 70% do salario bruto máis o 50% do complemento voluntario. Aos de 58, o 70% do salario bruto ou o 65% do salario bruto máis o 50% do complemento voluntario. E para os que están entre 55 e 57 anos, o 65% do salario bruto ou o 60% do salario bruto máis o 50% do complemento voluntario. Ademais, de acollerse voluntariamente, terán unha prima adicional de 3.000 euros. 

Aos traballadores de entre 50 e 54 anos ofréceselles un indemnización de 35 días de salario por ano de servizo, cun límite de 110.000 euros; aos traballadores de entre 45 e 49 anos unha indemnización de 35 días de salario por ano de servizo, cun límite de 28 mensualidades; e aos de menos de 45 anos unha indemnización de 35 días de salario por ano de servizo, cun límite de 24 mensualidades. Tamén con indemnizacións de 500 euros por ano traballado. 

Ademais, o Popular tamén ofrece excedencias voluntarias compensadas durante tres anos e prorrogables por un ano máis e para u máximo de 250 empregados menores de 50 anos e con máis de dez na empresa. Durante esta excedencia, o empregado recibirá anualmente 15.000 euros.

Por oura banda, o ERE tamén implica medidas de mobilidade xeográfica que poderán afectar ata 200 traballadores que serían compensados en función da distancia da localidade á que se teñan que desprazar. 

Por último, a CIG lamenta "que a unidade de acción sindical que se materializou nas concentracións e manifestacións non tivera pola contra un claro reflexo na mesa de negociación". E denuncnia que os sindicatos asinantes do acordo "aceptasen as razóns aludidas pola empresa para a presentación e aplicación do expediente de despedimento colectivo".

Oficina do Banco Pastor CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.