Os e as traballadoras galegas perderon 8 puntos de poder adquisitivo durante a crise

Evolución dos salarios e do IPC en Galicia 2009-2014 Dominio Público Praza Pública

Os traballadores e traballadoras galegas perderon máis de oito puntos de poder adquisitivo entre 2008 e 2014, nos peores anos da crise. Nese tempo, mentres os seus salarios permaneceron estancados, os prezos creceron un 8,3%.

Os soldos dos galegos e galegas situábanse en 2014 no mesmo nivel que en 2008, segundo o Índice de Prezos do Traballo (IPT) publicado este venres por vez primeira polo INE. Os lixeiros ascensos de 2009 (+1,5%) e 2010 (+0,3%) foron contrapesados polos descensos de 2011 (-1,7%) e 2013 (-0,9%). En 2014 os soldos volveron medrar un pouco (+0,8%).

Mentres, o IPC galego experimentou subas moi por riba dos salarios en 2010, 2011, 2012 e 2013, sendo o 2009 e o 2014 os únicos anos nos que a evolución dos soldos excedeu á da inflación.  

No conxunto de España a perda de poder adquisitivo foi mesmo máis importante, pois mentres que a evolución do IPC foi semellante á galega, os salarios non só non creceron, senón que mesmo descenderon lixeiramente entre 2008 e 2014. O INE ofrece datos desagregados por sexo, sector, idade, antigüidade ou tipo de contato para os globais estatais. 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.