"O galego non é óbice para que unha empresa teña éxito"

Cartel do acto do luns 25 Dominio Público Praza Pública

O Foro Enrique Peinador, en colaboración coa Deputación de Ourense, celebra o vindeiro luns 25 ao encontro Economía e Identidade. No centro cultural Marcos Valcárcel, este acto, que é itinerante, intenta facer pedagoxía co mundo empresarial galego para deixarlles claro algo tan lóxico como necesario. "A lingua galega non é óbice para que unha firma teña éxito", explica Xosé González, presidente do Foro, que advirte da colaboración destes pequenos cumios coas institucións, xa que son elas "as que teñen obriga de fomentar o idioma propio en todos os ámbitos".

"Instamos as adminisracións a que apadriñen determinados encontros de empresarios e sobre todo con aquelas empresas que traballan para a institución", destaca González. O vindeiro luns, no acto estarán presentes responsables de diversas compañías que apostan claramente polo galego e que destacan tamén polo seu éxito empresarial. Grupo Cuevas, Academia Postal, R Telecomunicacións e algún adegueiro, ademais do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación.

O obxectivo é establecer unha especie de "corpo a corpo" entre empresarios e asistentes no que o debate  pretende "facer pedagoxía, desde a proximidade". "Consiste en explicarlles que unha empresa pode funcionar en galego e que isto non é óbice para que teña éxito", insiste González, que pon R como claro exemplo do seu argumento.

Ademais, González tamén pide coherencia a aqueles que apostan claramente polo galego, dentro do ámbito nacionalista ou galeguista, e que "non son tan vehementes á hora de apostar ou esixir a etiquetaxe ou a aposta polo idioma entre as empresas".

 

Cartel do acto do luns 25 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.