Os recortes no xurelo e a meiga golpean a frota galega malia a mellora na pescada e peixe sapo

Protesta do cerco nun peirao galego © Acerga

A frota galega da costa atlántica e cantábrica volve ser prexudicada na repartición das cotas pesqueiras que a UE vén de establecer para as augas continentais. O recorte é especialmente importante no xurelo e na meiga de cara ao 2017 logo do acordo que os ministros de Pesca da UE alcanzaron na madrugada do mércores para o Total Admisible de Capturas (TAC) para cada especie. Pola contra, e malia as previsións negativas, a frota do Gran Sol mantén o cupo do peixe sapo e incrementa o da pescada, aínda que sofre tamén reducións na do rapante. 

A cota para o xurelo no Cantábrico e na costa norte galega redúcese un 23% e aumenta case un 7% no litoral sur e portugués

O recorte no xurelo afecta a aqueles barcos do Cantábrico Noroeste, que poderán capturar até 11.890 toneladas logo de continuas reducións dos cupos nos últimos seis anos. O descenso para o vindeiro ano é do 23% para aqueles barcos que faenan no Cantábrico e no norte de Fisterra, unha decisión da UE coa que non están de acordo en Acerga, a principal asociación do cerco de Galicia, que non comparte os estudos científicos sobre os que se basea a diminución de cupo. Para esta mesma especie, a frota aumenta a súa capacidade de pesca en case un 7% (18.977 toneladas) no litoral sur de Galicia e na costa portuguesa, aínda que para os armadores esa non é solución ante a incapacidade para poder desprazarse aló. 

A capacidade de pesca da xarda sobe un 14% no Cantábrico, pero a da meiga baixa  un 15% na mesma zona e un 25% no Gran Sol

A escaseza da xarda e o plan activo de recuperación da sardiña engaden incerteza a esta frota. Con todo, o cupo da cabala increméntase nun 14% no Cantábrico, até as 38.431 toneladas. Non ocorre o mesmo coa meiga, especie moi prexudicada na repartición, especialmente co recorte do 25% do TAC no Gran Sol e nas augas non estatais do Cantábrico. Ademais, en augas ibéricas a redución é do 15%. O recorte que se dá nas augas do  norte non é compartido polos armadores do sur de Galicia, que se queixan da ausencia de informes científicos que avalen a redución. 

Estes importantes recortes para a frota galega compénsanse para os peiraos nos que a pescada do Gran Sol é o principal produto. Así, e malia as primeiras intencións, a UE deixa o cupo en augas ibéricas case idéntico a como estaba este ano (-1,4% e 6.371 toneladas), mentres que no Gran Sol aumenta máis do 9% até 19.994 toneladas.  

Outra das sorpresas positivas foi para o peixe sapo, que aumenta a cota no Cantábrico Noroeste e en augas ibéricas nun 54%, até 3.296, mentres que se mantén como estaba no Golfo de Biscaia e no Gran Sol. No caso da raia, para a baixura o cupo aumenta nun 10%, até 1.163, un incremento que non compensa aínda a conxelación dos últimos anos. 

O incremento dun 54% na cota do peixe sapo no Cantábrico contrasta co peche da pesqueira para a cigala

Tampouco nada compensa o golpe para a cigala. A súa pesqueira no Cantábrico será pechada en 2017 ao tempo que medra un 5% ao sur de Fisterra, até as 84 toneladas, e case un 9% no Gran Sol, até as 1.521. No caso da anchoa, mantéñense as 29.700 toneladas vixentes neste ano. 

As valoracións da repartición son ben diferentes de atender ás administracións ou aos afectados. Desde o Estado e a Xunta alégranse de ter minimizado os recortes que a UE formulara nun principio, un acordo, segundo dixo a ministra de Pesca, García Tejerina, que advirte que o acordo supón 41.000 toneladas máis de pesca para España que no ano anterior. 

Estado e Xunta valoran ter minimizado os recortes previstos pero o cerco ve "desastroso" o resultado

Desde Galicia, a conselleira de Mar, Rosa Quintana, cre que a repartición é "satisfactoria" tras as xestións feitos para melloras as cotas en augas estatais. Para Acerga, pola contra, o resultado é "desastroso" para o cerco, sobre todo no que ten que ver co xurelo e a meiga. Ademais, a Confederación Española de Pesca (Cepesca) valora o traballo do Ministerio e que se suavizasen as intencións primarias da UE, pero lamenta "profundamente" as reducións do rapante, do xurel e o TAC cero para a cigala. "Supoñen serios problemas aos mariñeiros que van a estas especies, puidendo evitarse se se tivesen en cont as consecuencias soecionómicas e outras escenarios máis favorables das recomendacións científicas", di. 

Por outra banda, Lídia Senra, eurodeputada de AGEe, considera que a repartición das cotas límites de captura (TACs) acordados esta madrugada en Bruxelas polos ministros de Pesca da UE confirman "a discriminación que ano tras ano sofre a frota galega", o primeiro país pesqueiro da UE, debido “a un reparto das posibilidades de pesca que aboca á ruína ao sector e o futuro das comarcas pesqueiras galegas”.

Caixa de xurelo CC-BY-SA Kulac
Peixe sapo CC-BY-SA Alexander Mayrhofer

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.