UU.AA. pide medidas efectivas contra a couza da pataca, que afecta xa a 31 concellos

Concellos afectados pola couza da pataca Dominio Público Praza Pública

A Consellería do Medio Rural ampliou este luns as zonas afectadas pola couza da pataca (Tecia solanivora), unha praga detectada por vez primeira en Galicia en 2015 (nos concellos de Ferrol, Narón e Neda), que en febreiro de 2016 chegaba xa a Cervo, Foz, Xove, Valadouro e Viveiro e que na actualidade chega xa a 31 concellos de Ferrolterra e da Mariña lucense. Esta couza é orixinaria de Guatemala e chegou ás Illas Canarias en 1999 dende onde se estendeu ao continente europeo por unha partida de patacas que entrou en Galicia. En Asturias a praga afecta tamén a varios concellos da comarca do Eo-Navia.

Nestas 31 localidades é obrigatorio retirar do terreo e destruír todos os tubérculos danados e está prohibida comercialización das patacas cultivadas

Nestas 31 localidades galegas é obrigatorio retirar do terreo e destruír todos os tubérculos danados e está prohibida comercialización das patacas cultivadas nestas zonas. De igual xeito, os e as produtoras teen a obriga de realizar tratamentos específicos, de usar semente libre da praga e colocar trampas con feromonas para a captura do insecto. Tamén as empresas comercializadoras teñen a obriga de desinfectar os almacéns, aplicar tratamentos fitosanitarios e colocar trampas.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo "unha chamada á responsabilidade" dos agricultores destes 31 concellos "para que eviten facer novas plantacións de tubérculo, co fin de deter a expansión desta praga". Así mesmo, sinalou que o Ministerio de Agricultura elaborou un borrador de decreto sobre este tema que trasladou ás comunidades autonómas para recoller propostas e alegacións. Este decreto, aínda non aprobado, contempla a posibilidade de prohibir a plantación de patacas nas zonas infestadas. E incluiría, ademais, compensacións económicas para os e as produtoras prexudicadas (entre 2015 e 2016 destruíronse en Galicia 6.800 quilos de tubérculo, pagándolles a Xunta aos produtores a razón de 0,30 céntimos por quilo).

Unións Agrarias) pide evitar a "alarma social e mediática", pois polo de agora a praga afecta a zonas moi delimitadas en concellos nos que se cultiva maioritariamente para o autoconsumo. Ademais, esta couza só actúa en lugares próximos ao nivel do mar

O obxectivo destas medidas é que a praga se estenda ás grandes comarcas produtoras de pataca, en especial aquelas incluídas na Indicación Xeográfica Protexida. José Ramón González (Unións Agrarias) pide evitar a "alarma social e mediática" sobre este asunto, pois polo de agora a praga afecta a zonas moi delimitadas en concellos nos que se cultiva maioritariamente para o autoconsumo. Ademais, esta couza en principio só actúa en lugares con escasa elevación, próximos ao nivel do mar, polo que por exemplo non podería chegar á comarca da Limia e outras zonas do interior.

“É un problema xerado pola ineficacia das medidas que a Xunta tomou no ano 2015"

"Esixímoslle á Xunta que tome medidas rápidas e eficaces xa para frear a extensión desta praga. Estas medidas deben estar acompañadas de achegas económicas para compensar as perdas económicas”, reclaman dende Unións Agrarias, que sinalan que este “é un problema xerado pola ineficacia das medidas que a Xunta tomou no ano 2015". Así mesmo, critican que no ano 2010 se eliminasen axudas para agrupacións de defensa fitosanitaria, destacando "que falta nos faría agora ter unha ferramenta deste tipo para loitar contra esta enfermidade". González conclúe que "o sector galego da pataca non está afectado por esta praga", e que "o importante agora é que isto non se converta, polo ruído mediático, nun problema sectorial".

Couza da pataca © http://www.lahuertinadetoni.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.