O SLG pide que as explotacións afectadas pola couza da pataca sexan compensadas por 'lucro cesante'

Couza da pataca © SLG

O Sindicato Labrego Galego reivindicou este mércores que todas as explotacións que producen pataca para vender e que están afectadas pola corentena motivada pola couza guatemalteca sexan compensadas "por lucro cesante". Trátase de explotacións de horta ou mixtas "que dedican unha considerable superficie cada ano á plantación de pataca para a súa venda directa" ou almacenistas "que, por mor das restricións impostas pola Consellaría de Medio Rural, terán cuantiosas perdas este ano ao non poder cultivar", explica o sindicato.

Medio Rural "impuxo as restricións en plena época de plantación, polo que agora case non hai marxe de manobra para substituír os cultivos por outros e planificar unha nova campaña"

"Cómpre ter en conta que a prohibición de plantar se fixo dunha maneira precipitada e a última hora, cando a Consellaría de Medio Rural tivo toda a información e datos precisos para tomar a decisión entre outubro e novembro; porén, impuxo as restricións recentemente, en plena época de plantación, polo que agora case non hai marxe de manobra para substituír os cultivos por outros e planificar unha nova campaña", critica o SLG.

O lucro cesante das explotacións afectadas debería roldar uns 8.000 euros por hectárea, segundo o sindicato

O Sindicato Labrego Galego pídelle a Medio Rural que á hora de fixar indemnizacións "cubra tamén o lucro cesante das explotacións que cultivaban pataca para vender". Os cálculos do SLG, a partir das informacións facilitadas polos labregos e labregas afectadas, a produción de pataca rolda os 25.000 quilos por hectárea. Vendéndoas a un prezo medio duns 45 céntimos por quilo, esas patacas xerarían uns ingresos 11.250 euros por hectárea, aos que teriamos que restar uns 3.000 euros polos custes de produción. Polo tanto, o lucro cesante das explotacións afectadas debería roldar uns 8.000 euros por hectárea, segundo o sindicato. "É responsabilidade directa da Consellaría de Medio Rural abonalos se realmente quere afrontar a crise da couza con todas as garantías e, de paso, compensar as consecuencias da súa demora e falta de planificación á hora de actuar", conclúe.

 

Couza da pataca © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.