Máis de 500 produtores agrarios reclaman axudas directas polas xeadas

Manifestación en Ourense Dominio Público @unions_agrarias

Logo da manifestación do pasado 13 de maio en Ribadavia, de novo centos de produtores saíron este martes á rúa para reclamar á Xunta "axudas directas" tras as fortes e históricas xeadas que afectaron gravemente o sector vitícola pero tamén outros como o da castaña entre finais de abril e principios deste mes de maio. As importantes choivas e as sarabiadas posteriores acabaron por empeorar a situación da que hoxe advertiron en Ourense máis de 500 persoas convocadas polo Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UUAA), Fruga ou asociacións de viticultores. 

Máis de 500 persoas manifestáronse en Ourense reclamando axudas directas aos produtores afectados polas fortes xeadas

Na protesta reuníronse representantes das catro denominacións de orixe vitivinícolas de Ourense, da Ribeira Sacra de Lugo e produtores de castaña e mel. A manifestación non será a última e trasladarase a Compostela no caso de que a xuntanza que os sindicatos agrarios manterán a semana que vén coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, non dea resultado. Reclamarán apoio para todos os produtores

Entre berros de "o campo de Ourense está en pé" ou "Feijóo escoita, o campo está en loita", tamén se podían ler pancartas de diferentes zonas afectadas coa súa reivindicación. Todos, tal e como deixaron claro no comunicado conxunto ledo ao final da marcha, reclamaron á Xunta que abra un rexistro para coñecer o número real de afectados e a superficie afectada. Segundo Unións Agrarias, as xeadas afectaron "entre un 80 e un 94% da produción de viño" e que "máis de 4.900 produtores da provincia vanse a quedar sen ingresos en 2017". 

Os produtores reclaman unha liña de axudas co mesmo importe que as aprobadas en agosto pasado e que se condonen as cotas pagadas á Seguridade Social por parte dos autónomos do sector

Ademais, os produtores tamén reclamaron unha "liña de axudas" co mesmo importe que as aprobadas en agosto do pasado ano tras unha saraibada que afectou a produción da Ribeira Sacra lucense. Serían de 7.500 euros por hectárea ata un máximo de 15.000 euros por produtor e irían destinadas a sufragar os gastos dos traballos de poda e recuperación dos viñedos afectados.

Tamén solicitaron que se condonen as cotas pagadas á Seguridade Social, por parte dos traballadores autónomos do sector, durante un período de seis meses e que a Xunta traballe nunha "mesa de negociación" co sector para adaptar os seguros agrarios á realidade galega. Ao tempo, reclamaron ao Executivo galego a posta en marcha dunha liña de créditos sen custos de tramitación e con interese cero para paliar as perdas económicas que suporá a falta de produción este ano.

A mobilización deste martes chegou un día despois de que a Consellería do Medio Rural avaliase no Consello Agrario os danos producidos polas xeadas nos viñedos, así como as medidas a poñer en marcha para palialos. A conselleira Ángeles Vázquez adiantou que a Administración vai publicar nos vindeiros días unha orde de subvencións por importe de 1,4 millóns de euros para axudar á replantación das vides danadas. 

A Xunta anuncia subvencións por 1,4 millóns nunha orde que é a mesma dos últimos anos e que só dá prioridade ás zonas afectadas

En realidade, a titular de Medio Rural refírese á orde de reconversión e reestruturación do viñedo que publicada cada ano a Xunta e á que se engade algunha novidade como a "prioridade un" que se lle dará nas axudas a aquelas zonas danadas por fenómenos como as xeadas. Aqueles proxectos presentados que se refiran a áreas con maior afectación recibirán maior puntuación. É, para os sindicatos agrarios, claro está, unha medida insuficiente. 

Trátase, en todo caso, da habitual orde de reconversión e reestruturación do viñedo que cada ano convoca a Xunta de Galicia, pero coa novidade de que este ano terán “prioridade un” aquelas zonas danadas por fenómenos meteorolóxicos adversos como as xeadas, unha circunstancia que será valorada con maior puntuación á hora de avaliar os proxectos presentados.

Ao finalizar a manifestación, os portavoces dos produtores foron recibidos pola delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, que lles trasladou o compromiso da Xunta para poñer en marcha unha serie de créditos brandos, así como o adiamento de cotas. Os organizadores da mobilización insistiron en considerar "insuficientes" estas propostas ao non contemplar as axudas directas aos agricultores.

Entre os asistentes á manifestación púidose ver o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; o ex alcalde de Manzaneda e deputado por En Marea, Davide Rodríguez, ou a parlamentaria do BNG Noa Presas.

Manifestación en Ourense Dominio Público @PSdeGDepOU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.