0 Gardados para despois

A lei de Montes que prepara a Xunta avala a forestación de terras agrarias

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


O aproveitamento, a xestión e a propiedade do monte galego volven estar de actualidade. O anteproxecto de lei de Montes presentado pola Xunta pon enriba da mesa, a xuízo da Confederación Intersindical Galega (CIG) e o Sindicato Labrego Galego (SLG), dúas cuestións de "gravidade": a venda de propiedades de man común e a forestación masiva do monte. Dous aspectos que provocaron a abstención de ambos os dous sindicatos no ditame que o Consello Económico Social, que preside Corina Porro, vén de elaborar ao respecto.

En primeiro lugar, o propio CES avoga por adelgazar a tramitación administrativa na xestión do monte galego, algo co que a CIG non está de acordo. "Deberíanse limitar as autorizacións e trámites administrativos aos estritamente necesarios e equilibrar a tutela administrativa dos intereses xerais cos dos axentes económicos e propietarios", recomenda o organismo consultivo. Para o sindicato nacionalista o anteproxecto "pretende ir alén da súa finalidade natural, entrando de xeito abrupto na modificación de aspectos substantivos da lexislación específica en materia de montes veciñais en man común e de prevención e defensa contra incendios forestais".

Para a CIG esta redacción instaura "os procedementos para a apropiación encuberta" dos montes

Segundo consta no anteproxecto, "os montes veciñais en man común son montes privados, de natureza especial, que pertencen colectivamente, e sen atribución de cotas, ás respectivas comunidades veciñais propietarias". Para o sector a denominación destes terreos como de "natureza especial", un termo "demasiado indefinido, permite a desnaturalización dos mesmos, "cando non de provocar a súa desaparición". En concreto, é o artigo 122 o que deixa a porta aberta a contratos de xestión con entidades privadas de terreos de monte pertencentes a man común. A administración forestal poderá, xa que logo, asinar contratos con terreos propiedade de "comunidades veciñais en man común que carezan de recursos económicos e financeiros suficientes e cuxa sostibilidade económica, social e ambiental non estea garantida". Para a CIG esta redacción instaura "os procedementos para a apropiación encuberta" dos montes. O anteproxecto permite tamén a apropiación do monte dos "propietarios de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo" que, tamén, "carezan de recursos económicos e financeiros suficientes".

A forestación

O anteproxecto, consultado por Praza, tamén posibilita a forestación de terreos agrícolas, incluso aqueles catalogados como de especial protección. O artigo 61 deste anteproxecto, recentemente avaliado polo CES, dictamina que "só" se poderán forestar "os terreos agrícolas que non formen parte dun banco de terras agrarias ou instrumento semellante". A este respecto, e tal e como aparece no anteproxecto, o artigo 62 permite as "forestacións [...] en solo rústico de especial protección agropecuaria". Estas "requirirán autorización da Administración forestal, previo informe preceptivo e vinculante da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia agropecuaria".

"O solo agrario está cada vez menos protexido", constata o Sindicato Labrego

Para a CIG, que conta con tres poñentes no CES -encabezados por Manuel Currás-, a forestación de terreos agrícolas provocará "un incremento da desorde territorial" e incidirá "negativamente na prevención dos incendios forestais e redundando no abandono do medio rural". O sindicato nacionalista insiste, e así o fixo constar no seu voto particular, que "unha das cuestións con maior incidencia negativa na pervivencia e desenvolvemento das explotacións agrarias é o acceso á terra".

O Sindicato Labrego tamén é especialmente incisivo contra estes dous artigos do anteproxecto. O SLG, que conta con Isabel Vilalba no Consello Económico e Social, considera que se está dando en Galicia nos últimos anos "un preocupante avance descontrolado das forestacións de terras tradicionalmente adicadas á actividade agropecuaria, e con clara vocación para este tipo de usos. Todo isto supón a perda de terra agraria útil, coas consecuencias sociais que esta realidade implica", condena. "O solo agrario está cada vez menos protexido", constata o Sindicato Labrego. Ambas as dúas centrais arremeten contra o uso de especies forestais de rápido crecemento, que facilitan a propagación de lumes e a seca.

Fontes de Unións Agrarias consultadas por este diario calculan que hai unhas 500.000 hectáreas "abandonadas á indolencia, ao lume e ao destrago medioambiental".

 

"Inalienable"

Respecto dun comentario dun lector sobre a redacción do anteproxecto, a cualificación de "inalienables, imprescritibles, indivisibles e inembargables" resérvase unicamente para os montes de dominio público, non os privados ou de man común. (artigo 23)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.