A CIG celebra esta fin de semana o seu congreso, no que Paulo Carril substituirá a Seixo

Congreso da CIG nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

A Confederación Intersindical Galega (CIG) celebra esta fin de semana o seu VII congreso. Baixo o lema Coa CIG somos máis fortes, un total de 706 delegados e delegadas elixirán a nova executiva do sindicato nacionalista, que marcará as liñas de traballo a seguir para o vindeiro período. E será Paulo Carril, até o de agora secretario de Organización, quen substitúa na secretaría xeral a Suso Seixo, que abandona o cargo logo de 16 anos.

Paulo Carril, secretario de Organización e líder comarcal na Coruña durante máis dunha década, encabeza a candidatura de consenso

Paulo Carril, secretario comarcal da CIG na Coruña durante máis dunha década ata que ocupou a secretaría de Organización hai catro anos, lidera a candidatura de consenso e continuísta para a executiva confederal e colle a remuda de Seixo, que deixa saneadas as contas do sindicato co maior número de afiliados de Galicia -máis de 65.000- e que podería acabar tamén como primeira forza en canto a número de delegados nos centros de traballo do país a finais deste ano. 

A CIG renovará a súa executiva confederal nun 60%

Rematado o prazo de presentación de candidaturas, confírmase que só unha concorrerá á executiva confederal e á secretaría xeral nun congreso que a CIG define como "histórico". "As compañeiras e compañeiros que ergueron a central sindical nacionalista dan a remuda a unha nova xeración que será, en diante, a encargada de dirixila", destaca. A renovación da dirección da central, unha vez ratificada no cónclave, será do 60%. 

Así, á marxe da marcha de Seixo, deixarán a dirección Francisco Miranda Vigo, secretario confederal de Comunicación e Propaganda; Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral; ou Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas, ademais da falecida Elvira Patiño. A CIG lémbraos advertindo o seu "enorme sacrificio persoal, coherencia e un compromiso inquebrantábel co noso país e coa clase traballadora galega" e por ser capaces de "converter" o sindicato "no que hoxe é a CIG".

Na presentación do congreso -que se desenvolverá o sábado 27 e o domingo 28 no Pazo de Congresos de Compostela, en San Lázaro-, Seixo incidiu no seu lema, que pretende poñer en valor a importancia do sindicato. "É fundamental que as traballadoras e traballadores estean organizados e teñan capacidade para defenderse de forma colectiva”, advertiu o aínda secretario xeral, que insiste en que "se está a agudizar a loita de clases" e alerta fronte a esa "idea que transmite o neoliberalismo de que non hai clases sociais, que a loita de clases está superada e que as organizacións sindicais tradicionais non temos moita razón de existir". 

Seixo defende a vixencia do "sindicalismo distinto" da CIG fronte ao de "pacto social" que atribúe a CCOO ou UGT

Para Seixo, "os sindicatos seguen estando totalmente de actualidade" ante o "incremento das diferenzas sociais, a acumulación de poder político e económico en poucas mans e unha sociedade cada vez máis antidemocrática". Pero aclara, con todo, que “tampouco serve calquera tipo de sindicalismo”. Abordando os textos a debater no congreso, o secretario xeral censurou denunciou o "sindicalismo de pacto social" que, segundo di, practican CCOO e UGT, aos que acusou de, "mesmo en tempos tan difíciles", manter "esa política de colaboración e de entreguismo ao poder económico e político". 

Así, Seixo aposta por ese sindicalismo "completamente distinto que representa a CIG" e que, segundo di, foi o que levou a organización a ser a primeira central de Galicia en afiliación, pero tamén "en infraestrutura e capacidade mobilizadora", e estar a só unhas décimas de ser tamén a líder en representación. 

A CIG márcase de cara a este seu sétimo congreso o obxectivo de mellorar nos métodos de traballo e facer o sindicato "cada vez máis próximo e máis presente nos centros de traballo". Así, Seixo aposta por que todos os cargos e liberados da central deben centrarse neste propóximo porque "non se pode agardar a que todos os traballadores e traballadoras veñan polo sindicato". "Ten que ser o sindicato quen vaia aos centros de traballo, porque os problemas están aí e nós temos que ser unha arma operativa clara nas mans da clase traballadora para defenderse de tantas agresións”, di. 

Paulo Carril CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.