Telefonar desde Valença sen esperar a Tui: o 'roaming' desaparece o xoves 15 na Unión Europea

Información da Comisión Europea sobre a fin do 'roaming' desde o 15 de xuño de 2017 Dominio Público Comisión Europea

Tras varios anos de redución progresiva das tarifas por roaming, o recargo que pagan os usuarios de teléfonos móbiles cando os empregan fóra do seu país, a partir do  xoves día 15 de xuño estas desaparecerán na práctica na Unión Europea para a inmensa maioría dos ata agora afectados. Só quen empregue o teléfono fóra do seu país durante máis de catro meses seguidos terá que pagar un recargo, que en todo caso será moito máis moderado que os que había ata agora e seguirá reducíndose nos próximos anos. O Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, unha das institucións que máis loitou por conseguir a aprobación do regulamento da Comisión e o Parlamento Europeo que elimina o recargo, amósase satisfeito pero sinala que determinados colectivos como o dos estudantes Erasmus, que poidan pasar máis de catro meses seguidos noutro país sen volver ao seu, aínda se vería afectado, polo que di que seguirá traballando para que a medida sexa aínda máis universal.

Só pagará quen pase máis tempo no estranxeiro que no seu Estado durante un período de catro meses

Segundo explica o Eixo Atlántico, “a norma xeral é que mentres pases máis tempo no teu territorio nacional que no estranxeiro, podes usar o teu móbil no estranxeiro a prezos nacionais”. “Para evitar abusos que distorsionen a competencia, estableceuse como referente o período de catro meses consecutivos para aplicar esta norma”, engade, de xeito que “se en catro meses consecutivos unha persoa está máis no seu territorio nacional que no estranxeiro, pode usar o seu móbil coa tarifa nacional contratada” tanto para chamadas como para SMS. Só no caso de consumo de datos ilimitado o operador pode establecer un límite dese consumo no estranxeiro, pero notificándollo por adiantado ao usuario e avisándoo tamén cando acade dito límite. Se non se lle notifica, o usuario poderá dispor no estranxeiro de todos os datos contratados a nivel nacional.

Ademáis, o regulamento europeo contempla que se o operador detecta algún uso “abusivo ou anómalo” deberá notificarllo ao usuario antes de aplicarlle ningún recargo, este disporá de 15 días para xustificar o seu uso e só se non o fai o operador podería cobrarlle 3,2 céntimos máis por minuto de chamada, un céntimo por SMS e un máximo de 7,7 euros por xiga de datos consumidos, cifra esta última que se irá reducindo nos próximos anos.

Traballadores transfronteirizos ou habitantes da raia

Aos habitantes da raia bastaralles con que o seu teléfono se conecte nalgún momento do día coa rede do seu Estado aínda que pasen máis tempo no veciño

O novo regulamento tamén ten en conta a situación ata agora habitual na raia entre Galicia e Portugal de usuarios galegos aos que os móbiles se lles conectaban coas redes portuguesas, ou viceversa. Tanto eles como as persoas que a diario cruzan a raia tamén estarán protexidos, indica o Eixo, para que non se lles cobre se ao cabo dos anteditos catro meses consecutivos pasaron máis tempo no país veciño que no seu. “A normativa prevé que sempre e cando un usuario se conecte á rede nacional polo menos unha vez ao día, aínda que ese mesmo día fixese uso do roaming, ese día non computa como un día no estranxeiro, non importa que pasase parte do día no estranxeiro. En termo prácticos, os traballadores transfronteirizos poderán beneficiarse das tarifas nacionais no estranxeiro no seu día a día”. Do mesmo xeito, as operadoras deben informar aos usuarios do xeito de evitar que a súa rede sexa “invadida” por un operador estranxeiro.

Nestas múltiples circunstancias que verán reducido o cobro polo uso do móbil en redes estranxeiras non estarían aínda incluídos os casos, por exemplo, dos estudantes Eramus que pasen máis de catro meses consecutivos noutro país sen volver ao seu, unha situación pola que o Eixo Atlántico asegura que seguirá loitando.

Información da Comisión Europea sobre a fin do 'roaming' desde o 15 de xuño de 2017 Dominio Público Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.