CIG, CCOO e USO rexeitan a folga na seguridade do Rosalía de Castro e Alvedro

Aeroporto Rosalía de Castro © Concello de Santiago

O pasado xoves UGT anunciou a convocatoria de paros parciais nos servizos de seguridade privada dos aeroportos da Coruña e Santiago a partir do 20 de agosto como protesta "contra a precarización das condicións laborais e un modelo de sector baseado, exclusivamente, na competencia de prezos", sinalaba o sindicato nun comunicado. A seguridade en Alvedro é responsabilidade de Eulen (a mesma empresa á que lle foi concesionado o servizo no Aeroporto de Barcelona), mentres que no Rosalía de Castro de Compostela a concesionaria é Prosegur.

A convocatoria de folga lanzada por UGT foi respondida con críticas polos restantes sindicatos -CIG, CCOO e USO- que rexeitan os paros. CCOO e USO critican que a folga "se convoque de costas aos traballadores e traballadoras" e afirman que UGT pretende "facer campaña publicitaria" a conta da folga deste mesmo colectivo no aeroporto de Barcelona. "A UGT decidiu non contar coas demais forzas sindicais, e toman a decisión de costas aos traballadores/as dos aeroportos e dos demais sindicatos tendo que sabelo polos medios de comunicación", denuncia a CIG.

As seccións sindicais estaban a preparar as reclamacións das traballadoras e traballadores, co obxectivo de trasladarllas á patronal e iniciar as negociacións

Os tres sindicatos lembran que as seccións sindicais das organizacións que neste momento compoñen a representación legal do persoal estaban a preparar as reclamacións das traballadoras e traballadores, co obxectivo de trasladarllas á patronal e iniciar as negociacións. "Mantivemos un primeiro contacto hai 20 días, onde se quedou en reunírmonos con asesores dos sindicatos con presencia no comité de empresa para unificar as reivindicacións que se estimasen e realizar unha folla de ruta para facer as cousas correctamente", destaca a CIG. A CIG acusa a UGT, ademais, de ter contribuíndo a "tirar abaixo" as condicións laborais coas que contaban os traballadores e traballadoras dos aeroportos ata xuño de 2012. "Supuxo que cada vixilante perdese 2.250 euros anuais", engade.

CCOO, USO e CIG non descartan, con todo, que se chegue a convocar mobilizacións e paros no caso de que as negociacións coa empresa (aínda non iniciadas) non fructifiquen, "pero antes deben comezar", destacan dende CCOO. 

 

Aeroporto Rosalía de Castro © Concello de Santiago
Aeroporto de Alvedro CC-BY-NC-SA Wicho

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.