A xuízo 11 anos despois os propietarios dunha canteira que arrasou tres quilómetros dun río en Samos

O río Castelo en 2006 "arrasado" polos entullos da canteira Dominio Público Adega

En novembro de 2006 un depósito de entullos dunha canteira de Samos que non tiña licenza veuse abaixo e “arrasou” deixándoos en estado “crítico” uns tres quilómetros do río Castelo, en plena Rede Natura 2000. Once anos despois, o caso chega este mércores a xuízo coa Fiscalía pedindo catro anos de cárcere, multa de preto de 22.000 euros e indemnizacións polo dano causado de 120.000 euros para os dous propietarios da explotación. Un deles, José Manuel Pérez Rodríguez, foi elixido concelleiro e formou parte do goberno local do PSOE nas seguintes eleccións municipais, as de 2007, mandato no que daría positivo nunha proba de alcoholemia.

A canteira “carecía de licenza municipal de apertura e os permisos cos que contaba non a habilitaban para facelo nese espazo natural protexido”, di a Fiscalía

Segundo o relato dos feitos que fai a Fiscalía no seu escrito de acusación, Pérez Rodríguez e o outro acusado son os propietarios e administradores solidarios de Pizarras del Oribio SL, a quen pertence a canteira “Vetusta”, situada no espazo de Rede Natura 2000 e Lugar de Interese Comunitario (LIC) Ancares-Courel. A finais de novembro de 2006 veuse abaixo un depósito de entullos e afectou a “un treito de aproximadamente tres quilómetros e a numerosas fincas adxacentes, arrasando coa vexetación e as especies arbóreas alí existentes” e provocou a destrución de “un mazo, unha ponte, varios muíños centenarios, represas, camiños veciñais e muros existentes nos predios, afectando tamén á fauna posto que miles de toneladas de escombro da canteira quedaron depositadas no leito do río, sendo arrasadas as árbores da ribeira e a capa vexetal, sufrindo o hábitat prioritario existente nesa zona unha situación de carácter crítico, xa que a alteración dese medio natural afecta a lugares de alimentación e refuxio de diferentes especies de anfibios e aves”, moitas das cales están ameazadas, relata a Fiscalía.

Segundo ese escrito de acusación, a canteira “carecía de licenza municipal de apertura e os permisos cos que contaba non a habilitaban para facelo nese espazo natural protexido”. Por estes feitos, que considera constitutivos dun delito contra o medio ambiente, a Fiscalía pide catro anos de cárcere para cada un dos dous acusados, unha multa de preto de 22.000 euros e indemnizacións duns 120.000 euros aos propietarios dos terreos afectados e á Xunta polas tarefas de recuperación da contorna.

Un dos socios da explotación foi despois concelleiro do goberno local do PSOE e en 2010 deu positivo ao volante

Medio ano despois daqueles feitos, nas municipais de maio de 2007, Pérez Rodríguez foi elixido concelleiro polo PSOE, partido que se faría coa alcaldía de Samos. O rexedor da vila desde aquela, o socialista Julio Gallego, xustificou no seu momento a actuación de Pérez Rodríguez. Fíxoo mesmo despois de que El País publicase que, ademais da situación en que se atopaba a canteira, o empresario tamén fixera obras sen licenza na súa vivenda. E non sería a última polémica de Pérez Rodríguez durante o seu tempo de concelleiro na vila. En 2010 os medios locais publicaron que foi detido pola Guardia Civil tras dar positivo nun control de alcoholemia.

Imaxe do estado en que quedou o río Castelo en 2006 Dominio Público Adega
O río Castelo en 2006 "arrasado" polos entullos da canteira Dominio Público Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.