A falta de acordo entre sindicatos e empresas mantén a folga das auxiliares de Navantia

Asemblea dos traballadores das auxiliares de Navantia CC-BY-SA CIG

A folga das auxiliares en Navantia segue adiante logo de que as xuntanzas das últimas horas entre patronal e sindicatos non desen froito ningún. Non hai aínda un acordo para suspender o paro convocado en solitario pola CIG e que dura máis de vinte días e dar inicio ás negociacións. Con todo, todos os sindicatos (a central nacionalista, UGT, CCOO e MAS) pactaron unha proposta conxunta para presentarlles ás empresas

Todos os sindicatos (a central nacionalista, UGT, CCOO e MAS) pactaron unha proposta conxunta para presentarlles ás empresas

Nela recóllese que as auxiliares paguen o 50% dos días de folga e outro 50% como vacacións, ademais de solicitar que aquelas que incumpren os acordos de 2001 -e por cuxo cumprimento loitan os convocantes do paro- paguen o 50% da diferenza de soldo de cada traballador con respecto ao que tiñan que ter cobrado segundo aquelas táboas salariais. 

Logo de varias reunións, os responsables da CIG explicaron a situación nunha asemblea á última hora da tarde deste martes e, como xa acontecera só unhas horas antes, quedou clara a división que agora mesmo hai entre os traballadores favorables a seguir coa folga e os que se amosan en contra. Mentres os últimos pedían votar, os primeiros insistían en que non había proposta ningunha sobre a que pronunciarse. 

Tal e como explicaron os representantes de UGT, a oferta das empresas é pagar con carácter retroactivo con efectos á sinatura do convenio provincial os acordos económicos aos que se cheguen e tanto eles como os de CCOO advertiron de que é unicamente a CIG, como convocante, a que pode desconvocar o paro. Todo entre as reclamacións de traballadores que pediron unha solución ao conflito para poder volver incorporarse ao labor. 

Ademais, o buque gaseiro Excalibur partiu finalmente cara a Francia para levar a cabo as obras de mantemento e reparación que tiña previsto facer en Navantia. Precisamente, os traballadores do estaleiro celebraron unha asemblea na mañá do martes na que o comité de empresa denunciou a "ineptitude" da dirección da compañía e na que criticou que o único que fixese fose "denunciar" o paro ante Inspección de Traballo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.