O nivel dos encoros galegos xa está por baixo do 40% no Miño-Sil e o Navia

Embalse de Salime o domingo 29 de outubro na confluencia dos ríos Navia e Ibias en Negueira de Muñiz CC-BY-SA Praza Pública

Na demarcación Galicia Costa, con pantanos máis pequenos, o nivel acada o 47%

A seca segue a agravarse en Galicia. Este luns a Xunta emitiu un novo balance do estado dos encoros que controla a través de Augas de Galicia, os da conca hidrográfica Galicia Costa, dos que di que se atopan “ao 47% da súa capacidade total”. Porén, a situación é peor nas outras dúas concas que tamén afectan a Galicia, a do Miño-Sil e a parte do Cantábrico que afecta a Galicia, onde non se supera o 40%.

O protagonismo informativo habitual da Xunta fai que se adoiten dar como cifras representativas do estado dos encoros de Galicia as que corresponden exclusivamente á demarcación de Galicia Costa, na que hai actualmente embalsados uns 320 hectómetros cúbicos dos preto de 690 que ten de capacidade. Porén, a demarcación do Miño-Sil ten unha capacidade cinco veces superior, de algo máis de 3.000 hectómetros cúbicos, dos que actualmente só están cheos un 1.200. Pero parte de Galicia tamén está incluída na confederación hidrográfica do Cantábrico, e nela o río Navia conta co cuarto maior embalse da comunidade, o de Salime, entre Galicia e Asturias, con capacidade para 266 hectómetros e actualmente con só 107 embalsados, unha proba, xunto cos incendios que nas últimas semanas afectaron tamén aos Ancares, de que a seca esténdese por toda Galicia.

Na demarcación Galicia Costa, con pantanos máis pequenos, o nivel acada o 47%. “De aquí a 90 días, malo será que non chova”, di a conselleira de Medio Ambiente

Con esta situación, o Goberno galego vén lanzando mensaxes de precaución e confianza ao mesmo tempo. Este luns a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, admitía que a situación é “preocupante”, pero ao tempo engadía que a poboación non ten que temer restricións, que só chegarían se se declara a situación de emerxencia, fronte á actual de alerta. Iso sería, segundo as súas propias verbas, “se non chovera en cen días”, cando “as circunstancias serían máis que preocupantes”, ao que engadiu que “de aquí a 90 días, tendo en conta que é decembro, xaneiro, febreiro, malo será que non chova”.

Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.