As cidades galegas apúntanse a rehabilitar as súas edificacións

Rúa de San Andrés, no centro da Coruña © Concello da Coruña

O dramático remate da burbulla inmobiliaria que todo o Estado Español viviu na pasada década fixo descender de forma abrupta a partir de 2008 o número de edificios e vivendas construídas en Galicia. Os números da construción tocaron fondo en 2013 e dende entón experimentan unha lixeirísima recuperación. O IGE publicou este venres a estatística correspondente ao ano 2016, ano no que se construíron en Galicia 1.534 edificios de nova planta, fronte aos 1.235 do ano anterior; e 1.218 vivendas novas, fronte ás 1.149 de 2015.

No conxunto de Galicia rehabilitáronse en 2016 case tantos edificios (1.476) coma os construídos de novo (1.534)

En paralelo co brusco descenso da construción de novos inmobles foi gañando peso a rehabilitación de edificios xa existentes, que case iguala o seu número: 1.476 en 2016, cun claro incremento dende o 2015 (1.256), demostrando que esta tendencia non é meramente conxuntural.

Nas sete cidades rehabilitáronse en 2016 un total de 377 edificios, máis do triplo dos inmobles de nova planta iniciados (114)

Esta importancia cada vez maior da rehabilitación é máis clara nas grandes cidades. No conxunto das sete cidades rehabilitáronse en 2016 un total de 377 edificios, máis do triplo dos inmobles de nova planta iniciados (114). A rehabilitación supera á construción nas urbes dende o ano 2012, pero nunca fora tan grande a diferenza. Este cambio de tendencia é produto, sobre todo, da forte caída do número de novas construcións, que chegou a ser de 1.470 no ano 2000 e que leva dende o ano 2004 en descenso. 

Ourense (103 edificios rehabilitados) encabeza a lista, seguida de Ferrol (64)

Cidade por cidade, Ourense (103 edificios rehabilitados) encabeza a lista, seguida de Ferrol (64), Lugo (56), A Coruña (54) e Compostela (52). Vigo (36) e Pontevedra (12) pechan a estatística, que amosa que a rehabilitación creceu en 2016 en todas as urbes, agás Lugo e Vigo. Santiago (39) e Lugo (34) son as cidades nas que se construíron máis edificios de nova planta, seguidas de Vigo (14), Pontevedra (10) e A Coruña (8). A construción creceu en Santiago, Lugo e A Coruña.

Entre o ano 2000 e 2007 construíronse en Galicia entre 5.000 e 8.000 edificios novos cada ano, e entre 22.000 e 45.000 vivendas novas anualmente

O panorama é, evidentemente, moi diferente ao de hai unha década, xusto antes do inicio da crise. Entre o ano 2000 e 2007 construíronse en Galicia entre 5.000 e 8.000 edificios novos cada ano, e entre 22.000 e 45.000 vivendas novas anualmente. Mentres, tanto os inmobles de nova planta coma o propio número de vivendas novas superan por pouco o milleiro en 2016. Pola súa banda, a rehabilitación sempre se moveu en cifras semellantes, aínda que tamén o número de vivendas rehabilitadas acadou rexistros máis importantes antes do 2007.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.