O paro sobe nun mes de novembro que tamén destrúe emprego

CC-BY-SA Praza Pública

O paro volve subir en Galicia neste mes de novembro onde tamén se destruíu emprego. É o terceiro mes consecutivo no que se incrementa o número de persoas rexistradas nas antigas oficinas do INEM, cunha suba de 1.272 (+0,08%), aínda que cun descenso nun ano de 16.379 (-8,05%).

O paro sobe en 1.272 persoas en novembro, aínda que o descenso anual é de 16.379 

Así se tira dos datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social feitos públicos este luns e que indican como no Estado o número de parados tamén se incrementou en novembro en 7.255 desempregados respecto ao mes anterior (+0,2%). En Galicia, a cifra total de desempregados rexistrados é de 187.175.

Ao tempo, descende tamén o número total de persoas con traballo en Galicia ao baixar en 747 persoas o número de afiliados á Seguridade Social e quedar o número de cotizantes de novo por baixo do millón, en 989.157. Xa que logo, o mes de novembro destrúe emprego no país, aínda que o comportamento non é igual en todos os territorios, ao aumentaren en Ourense e Pontevedra e caer en Lugo e A Coruña. 

Galicia destruíu 747 empregos durante o mes de novembro

Con respecto a hai un ano, o número de afiliados aumentou en 20.614 persoas no país, un incremento do 2,13%, case punto e medio menos que a suba no conxunto do Estado, que foi do 3,58% e de 637.232 cotizantes. 

Doutra volta, foi no sector servizos onde aumentou máis o paro en Galicia ao incrementarse en máis de 1.000 persoas. O desemprego sobe en todos os sectores agás na industria, cun lixeiro descenso. A fin dos efectos da temporada estival e turística nótanse nuns datos aos que aínda non chegan as consecuencias das contratacións polo Nadal na hostalería e no comercio. 

Tan só o 8,3% dos contratos asinados no pasado mes foron indefinidos

En canto aos contratos, asináronse en novembro algo máis de 80.000, cun descenso de algo menos de 15.000 con respecto ao mes pasado. De novo, son maioría os temporais, que supoñen o 91,7% fronte ao 8,3% dos indefinidos. En termos mensuais, baixou a contratación e con máis forza a indefinida: 1.281 contratos indefinidos menos (−16,1 %) e 13.564 temporais menos (−15,6 %). Na comparación anual, rexistráronse 3.945 contratos máis: 3.303 temporais máis (+4,72 %) e 642 indefinidos máis (+10,64 %).

Alén disto, destaca que a protección por desemprego segue en mínimos. Case a metade das persoas paradas con experiencia laboral carece de prestación por desemprego (unhas 81.500) e o 45 % das que si a perciben cobran un subsidio por desemprego. Daquela, en outubro de 2017 había 88.024 persoas cobrando unha prestación por desemprego (fronte a 169.558 parados e paradas con experiencia laboral): 39.411 percibían un subsidio por desemprego (o 44,8 % do total das prestacións), 36.921 contributivas (41,9 %), 9.640 a renda activa de inserción (11 %) e 2.052 correspondían ao programa de activación de emprego (2,3 %). Xa que logo, a taxa de cobertura era do 51,9%.

Case a metade das persoas paradas con experiencia laboral carece de prestación por desemprego

A Xunta reaccionou aos datos destacando que o paro sobe en novembro, "como ocorre sempre neste mes", pero lembra que é "a menor suba do paro nun mes de novembro nas últimas dúas décadas: 1.272 persoas fronte a unha media de 6.328". Ademais, a secrearia xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou que n de cada tres desempregados abandonaron as listas do paro nos últimos cinco anos, "sumando neste período 90.000 parados menos".

Para o Goberno galego, toca "pór en valor que a contratación indefinida, que crece case seis puntos máis que a temporal e que a tempo completo tamén medra, nun 5,82%". Segundo a Xunta, os datos indican que a economía galega "segue consolidando a súa recuperación, xa que á boa evolución do mercado laboral se unen outros indicadores económicos, como o PIB ou o gasto en consumo final, que ratifican que Galicia avanza para acadar un mellor benestar dos cidadáns". 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.