0 Gardados para despois

O Goberno central invadiu competencias autonómicas coa xestión das axudas a parados

eldiario.eseldiario.es | @eldiarioes


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


A axuda de 426 euros para parados de longa duración que outorga o Goberno central é considerada polo Tribunal Constitucional como unha política activa de emprego e, como tal, a súa xestión corresponde ás comunidades autónomas que teñen transferida esa competencia, e non ao Executivo de Mariano Rajoy. Así o entende o Constitucional en resposta a un recurso do Goberno vasco, que consideraba invadidas unhas competencias autonómicas que Galicia tamén ten transferidas desde hai dúas décadas.

O Tribunal Constitucional mantén a prestación de 426 euros a desempregados de longa duración pero obriga a cambiar a súa xestión tras un recurso do País Vasco en defensa de competencias que Galicia tamén ten transferidas desde hai dúas décadas

En concreto, o Constitucional vén de anular o xeito en que se xestiona o denominado Programa de Activación para o Emprego (PAE). Pero o pasado verán xa tomara unha decisión similar a respecto doutra das axudas a parados de longa duración, o Plan Prepara, o que obrigou ao Ministerio de Emprego a pactar coas comunidades unha cesión temporal de competencias pola que estas lle devolveron formalmente esa xestión. É dicir, as axudas seguen a cobrarse, pero o Goberno debe cambiar a súa xestión.

O decreto que regulaba este programa, aprobado polo Consello de Ministros en decembro de 2014 tras o acordo con empresarios e sindicatos, atribúe ao Servicio Estatal de Empleo Público o financiamento, xestión e pagamento desta axuda económica, ademais da capacidade de recoñecer ou denegar o dereito das persoas potencialmente beneficiarias da mesma. O Goberno vasco recorreuno por considerar que invadía as competencias autonómicas, pois as políticas activas de emprego foron transferidas a Euskadi en 2010. O Constitucional dálle a razón e considera que a axuda encaixa no concepto de lexislación laboral e a súa natureza é a dunha subvención de fomento do emprego e de inserción laboral, o que é competencia vasca.

Malia estar transferidas desde finais dos 90, Feijóo queixouse en 2011 de ter "poucas competencias en materia de emprego" e hai un ano anunciou unha lei que debía aprobarse en 2017 pero da que non hai noticias

O País Vasco foi a última comunidade que recibiu a transferencia das políticas activas de emprego por discrepancias económicas co Goberno central. Pola contra, Galicia foi unha das primeiras comunidades en recibir esa competencia, a finais da década dos 90. Malia iso, en 2011, ante o constante incremento do paro e as críticas da oposición, o presidente Feijóo chegara a queixarse das súas "poucas competencias en materia de emprego, por non dicir practicamente ningunha". Durante o seu último discurso de investidura, hai pouco máis dun ano, unha das súas principais promesas foi a elaboración dunha lei de emprego para desenvolver esas competencias que dixera non ter. A previsión de aprobación desa lei de emprego foi incluída polo Goberno galego no seu plan normativo para o pasado 2017, pero o ano rematou sen noticias dela.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.