0 Gardados para despois

Mamen Sabio (CCOO): "A folga é unha oportunidade. Levamos dous meses falando destes temas nas familias, no traballo e na rúa"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


CCOO rexistrou rexistrou paros de dúas horas por quenda para este 8 de marzo (de 0:00 a 2:00 horas na quenda de noite, de 12:00 a 14:00 na quenda de mañá e de 19:30 a 21:30 na quenda de tarde). Ademais, o sindicato convocará concentracións pola mañá e animará a participar nas mobilizacións da tarde convocadas polo movemento feminista. A central asina, así mesmo, un manifesto conxunto con UGT. Falamos con Mamen Sabio, secretaria da Muller de CCOO de Galicia.

"Seguimos tendo que asumir os traballos de coidados de nenos, nenas e maiores. Somos nós quen reducimos xornadas, somos nós quen pedimos excedencias e isto leva a salarios menores e a pensións máis reducidas"

Por que é necesaria esta folga?

A folga é necesaria por moitas razóns. A principal é que existe unha desigualdade de xénero estrutural no emprego. A fenda salarial é consecuencia da temporalidade ou da precariedade dos contratos das mulleres, que sofren unha maior porcentaxe de empregos a tempo parcial. Tamén da suma de recortes que sufrimos nos servizos públicos: o Estado non responde, recorta axudas, non inviste en corresponsabilidade e conciliación e quen sufrimos esta carga somos as mulleres, porque seguimos tendo que asumir os traballos de coidados de nenos, nenas e maiores. Somos nós quen reducimos xornadas, somos nós quen pedimos excedencias e isto leva a salarios menores e a pensións máis reducidas. Tamén nos preocupan moito as violencias machistas, que tamén teñen lugar nos centros de traballo, onde as mulleres sofren acoso. Por exemplo as persoas que traballan en hostalaría, maioritariamente mulleres, teñen que soportar a diario moitos comportamentos machistas, comentarios e demais. A folga é unha oportunidade.

"Ata hai pouco esta convocatoria era inconcibible e agora levamos dous meses falando destes temas nas familias, nos bares, nos centros de traballo, na rúa"

Cales son as expectativas de CC.OO para esta folga? Cal debe ser o seu efecto?

Este é o momento de dicir 'ata aquí chegamos', isto non debe rematar o 8 de marzo. Este día debe ser un antes e un despois. E os sindicatos, como organizacións obreiras e feministas, debemos seguir traballando para construír igualdade, denunciando as empresas que non cumpren a lei, traballando na negociación colectiva para eliminar as desigualdades... Creo que vai ser algo histórico, de feito xa o é. Ata hai pouco esta convocatoria era inconcibible e agora levamos dous meses falando destes temas nas familias, nos bares, nos centros de traballo, na rúa. É importante o feito de que a xente se está informando, e vai sendo consciente de que cando falamos de loitar contra a fenda salarial non nos referimos só a igualdade no soldo base, senón que tamén falamos dos complementos. 

Como deberemos medir o éxito da folga?

O éxito da folga non é tanto medible en grandes porcentaxes coma no traballo de reivindicación e de visibilización de certos temas que pode conseguir na sociedade. É unha oportunidade para que toda a sociedade reflexione.

"É unha cuestión económica: non interesa que se falen destes temas. Xa dixo Rajoy 'No nos metamos en eso', pois nós si que nos metemos niso"

Como estades recibindo as críticas contra a folga que están chegando dende Ciudadanos ou PP, por exemplo as efectuadas por Miguel Tellado a pasada semana? 

Unha das críticas é que esta é unha folga elitista; a min paréceme inconcibible escoitar a estas alturas este tipo de declaracións. Están asumindo que é unha elite unha persoa que ten un traballo que apenas dá para vivir, porque hai que lembrar que neste país hai moitísimas asalariadas que son pobres. Este tipo de declaracións supoñen estar fóra da realidade e querer mirar para outro lado, pero tamén agochan unha aposta: ao Estado convénlle que as mulleres sigamos asumindo roles de coidado, porque doutro xeito tería que ser o Estado quen respondese. Alguén fixo a valoración económica de canto representan eses traballos non pagados? Alguén valorou a achega dos e das pensionistas? Hai moita xente que non se pode plantexar ter fillos ou fillas se non ten un avó ou avoa detrás. É unha cuestión económica: non interesa que se falen destes temas. Xa dixo Rajoy 'No nos metamos en eso', pois nós si que nos metemos niso.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.