Almunia acatará os laudos das preferentes de Novagalicia pero advirte de que España debe asumir os custos

Joaquín Almunia, durante unha conferencia de prensa © Comisión Europea

O vicepresidente da Comisión e responsable de Competencia, Joaquín Almunia, asegura que acatará os laudos arbitrais sobre as participacións preferentes de Novagalicia Banco, pero deixou claro que é España quen deberá resolver os custos de compensar aos clientes por riba do que prevé a normativa da UE.

O memorándum de entendemento do rescate bancario establece que os titulares de preferentes dos bancos que reciban axuda da UE, como NGB, deberán asumir perdas. Para iso, España ten que aprobar nova lexislación que estableza unha negociación voluntaria entre entidades e titulares e un procedemento de quita obrigatoria se non hai acordo. Xa que logo, os afectados non poderán recuperar o 100% dos seus cartos.

Almunia dá o visto e prace aos laudos arbitrais pero aclara que o Estado debe asumir os custos

Así, as perdas materializaranse mediante un troco desta débeda subordinada en condicións de mercado (máis unha marxe de até o 10%). Almunia admitiu que "non é fácil" fixar este valor de mercado porque para algúns destes títulos non hai mercado ou só se producen transaccións esporádicas, polo que haberá que recorrer a "outro tipo de análise ou estimacións".

En canto ao caso particular de Novagalicia, o vicepresidente da Comisión explicou que "cando a decisión, sexa xudicial ou sexa un laudo arbitral vinculante xuridicamente coa mesma forza que unha sentenza xudicial, estea enriba da mesa, nós como Comisión non podemos pór en cuestión unha sentenza xudicial".

"A Comisión non pode poñer en cuestión unha sentenza xudicial sobre as preferentes"

Pero matizou: "Outra cousa é quen vai sufragar o custo desa conversión por riba do custo admitido segundo as nosas normas de axudas de Estado e ese é un tema que deben resolver as autoridades en España", precisou. Ademais, Almunia subliñou que, malia o cambio de opinión do Banco Central Europeo (BCE), "os (titulares de débeda) sénior non teñen ningunha posibilidade de que se lles impoñan" perdas. "Hai que ter coidado de non traspasar os límites a partir dos cales se poida pór seriamente en perigo a capacidade do sistema bancario de financiarse no mercado", ha justificado.

Joaquín Almunia, durante unha conferencia de prensa © Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.