Chega a campaña da Renda: poucas novidades e algunhas advertencias

EAPN Galicia, CERMI Galicia e Coordinadora Galega de ONGD trazaron un 'x' solidario na Praza do Obradoiro © Concello de Santiago

O pasado 4 de abril comezou a nova campaña da Renda, con poucas novidades normativas ou en canto ás deducións posibles, pero si algúns cambios técnicos á hora de facer a declaración. Haberá tempo ata os últimos días de xuño para poñerse ao día das obrigas coa Axencia Tributaria. O sindicato de técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) fai un chamamento a complementar a declaración sen présas e analizando todas as posibles vías de aforro das que dispoñen os e as contribuíntes. Entre elas destacan as destinadas ás persoas que veñen de ter un fillo ou filla, as de alugueiro, as que compensan as doazóns ou pagamentos efectuados a partidos políticos, sindicatos, colexios profesionais, ONGs ou fundacións (como é o caso de Praza Pública). 

Cambios técnicos

Desaparece o envío de SMS para a recepción do número de referencia. E, igualmente, deixa de enviarse o borrador por vía postal

Entre estes cambios está a nova aplicación para dispositivos móbiles, que se pode descargar tanto para Apple como para Android. E tamén o servizo Le llamamos, a través do que a Axencia Tributaria se pon en contacto co ou coa contribuínte na data e hora que o solicite para ofrecer orientación á hora de realizar a declaración. Pola contra, desaparece o envío de SMS para a recepción do número de referencia. E, igualmente, deixa de enviarse o borrador por vía postal; o pasado ano, dos 625.710 borradores que se remitiron de forma física, só se presentaron 727 declaracións.

O 27 de xuño é a data límite para a presentación de declaracións con resultado a ingresar con domiciliación en conta

O calendario

Dende a pasada semana pódese xa confirmar o borrador enviado pola Axencia Tributaria e presentar a declaración por vía telemática ou telefónica. Dende o 8 de maio poderá solicitarse cita previa para contar con atención presencial nas oficinas da AEAT, un servizo que comezará o 10 de maio. O 27 de xuño é a data límite para a presentación de declaracións con resultado a ingresar con domiciliación en conta. O 29 de xuño é o derradeiro día para solicitar cita previa para atención en oficinas. Finalmente, o 2 de xullo é o último día para a presentación de declaracións con resultado a devolver, renuncia á devolución, negativo e a ingresar con domiciliación.

As advertencias de Gestha

Gestha alerta de que a nova App "permite confirmar e presentar o borrador, pero non modificalo, polo que poderían desaproveitarse algunhas deducións importantes"

O sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) publicaron nas últimas semanas unha serie de recomendacións á hora de completar a declaración, que se acompaña dunha advertencia sobre a nova App posta en marcha pola axencia. Gestha alerta de que a aplicación "permite confirmar e presentar o borrador, pero non modificalo, polo que poderían desaproveitarse algunhas deducións importantes" e engade que "o seu deseño insta a validar o borrador sen revisalo en profundidade". "A tecnoloxía pode pasar de ser un aliado a converterse nun inimigo", conclúe.

Ademais, a entidade publicou "os 10 esquecementos máis frecuentes que convén repasar antes de confirmar o borrador". Entre eles destacan as cotas sindicais e a colexios profesionais de colexiación obrigatoria, os gastos en avogados para defenderse fronte á empresa, os gastos que pode orixinar a mobilidade xeográfica do empregado ou empregada, as situacións de discapacidade -tanto persoais como familiares- especialmente as sobrevidas ou agravadas durante 2017, as deducións por alugueiro de vivenda habitual ou as achegas a partidos políticos.

Deducións estatais

A dedución estatal por adquisición de vivenda habitual desapareceu, pero continúa sendo aplicable para aquelas persoas que realizaron algún pagamento antes de 2013 e continúan aboando a hipoteca

Maternidade (ata 1.200 euros anuais por cada fillo menor de 3 anos nacido ou adoptado). Discapacidade (1.200 euros por cada descendente e/ou ascendente con discapacidade). Familias monoparentais (1.200 euros anuais, pero só a partir de dous fillos). Compra de vivenda: a dedución estatal por adquisición de vivenda habitual desapareceu, pero continúa sendo aplicable (15% dun máximo de 9.040 euros anuais) para aquelas persoas que realizaron algún pagamento antes do 1 de xaneiro de 2013 e que continúan pagando a súa hipoteca.

Doazóns

Os e as contribuíntes poden desgravar un 75% dos primeiros 150 euros doados a ONGs e fundacións (como é o caso de Praza Pública)

Os e as contribuíntes poden desgravar un 75% dos primeiros 150 euros doados a ONGs, fundacións (como é o caso de Praza Pública) ou calquera entidade recollida na lei 49/2002 e un 30% nas achegas a partir desa cantidade; esta porcentaxe aumenta ata o 35% se a cantidade achegada a unha mesma ONG ou fundación non diminuíu nos últimos tres anos. As achegas a partidos políticos e agrupacións de electores dan dereito a unha dedución do 20% das cotas de afiliación. A base máxima desta dedución será de 600 euros anuais.

Cláusulas solo

Gestha advirte de que "as cantidades devoltas procedentes das cláusulas solo das hipotecas non deben ser esquecidas á hora de confirmar o borrador", con todo lembra que estes cartos "son o reintegro dun pagamento indebido, polo que non constitúe renda". Porén, como advertía Diego Dourado neste artigo "se o afectado utilizou as achegas para imputarse gastos deducibles en rendementos de capital inmobiliario ou actividades económicas, deberá realizar declaracións complementarias dos exercicios non prescritos eliminando os gastos que utilizou para reducir a súa tributación".

Alugueiro

Aínda que a dedución estatal por alugueiro de vivenda habitual desapareceu, manténse vixente para os contratos asinados antes do 1 de xaneiro de 2015

Aínda que a dedución estatal por alugueiro de vivenda habitual desapareceu, manténse vixente para os contratos asinados antes do 1 de xaneiro de 2015. Estes inquilinos e inquilinas poden poden seguir deducindo o 10,05% do pagamento anual, sempre que a súa base impoñible sexa inferior a 24.107,20 euros anuais. En Galicia engádese outra dedución posible para as persoas de 35 anos ou menos; poderán aforrar así o 10% do pagamento anual do alugueiro da súa vivenda habitual, ata unha dedución máxima de 300 euros, que se duplica no caso de que a persoa ou parella que presenta a declaración teña dous ou máis fillos/as menores de idade. 

Outras deducións autonómicas

En Galicia a dedución por nacemento de fillos/as (para persoas con bases impoñibles inferiores a 22 mil euros) ascende a 300 euros polo/a primeiro/a, 1.200 euros polo/a segundo/a e 2.400 euros polo/a terceiro/a 

Ademais da dedución polo pagamento do alugueiro para mozos e mozas, Galicia ofrece outras deducións, entre as que destaca a que se ofrece polo nacemento de fillos ou fillas. Se a base impoñible menos o mínimo persoal ou familiar é inferior a 22.000 euros anuais, a dedución ascende a 300 euros polo primeiro fillo ou filla, 1.200 euros polo segundo ou segunda e 2.400 euros polo terceiro ou terceira. Por riba de 22 mil euros a dedución é de 300 euros en todos os casos. Esta axuda pode estenderse dous anos máis e é un 20% superior nos concellos de menos de 5000 habitantes e naqueles nos que se levou a cabo unha fusión.

Hai tamén deducións polos pagamentos realizados para o coidado de nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís. Pódese desgravar ata un 30% do total aboado, ata un máximo de 400 euros, pero só se a base impoñible menos o mínimo persoal ou familiar está por debaixo de 22 mil euros en tributación individual e 31 mil euros en tributación conxunta. Hai, igualmente, unha dedución por pagamentos realizados para o coidado de persoas maiores de 65 anos; ata un máximo do 10% do total aboado, podendo desgravarse ata 600 euros. De novo, os límites están fixados en 22 mil euros en tributación individual e 31 mil euros na conxunta e debe acreditarse que a persoa coidada necesita axuda de terceiros.

 

O pasado 4 de abril comezou a nova campaña da renda Dominio Público AEAT

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.