O emprego do verán permite recuperar o millón de cotizantes en Galicia sete anos despois

Unha traballadora dun local de hostalaría Dominio Público UGT Galicia

O habitual incremento do emprego no inicio da tempada de verán permitiu que o pasado mes de xuño o mercado laboral galego atravesase un limiar ao que non chegaba dende a tempada estival de hai sete anos: o da media mensual dun millón de persoas a cotizar na Seguridade Social. Os últimos datos divulgados polo Ministerio de Traballo indican que en xuño de 2018 a cotización media no país foi de 1,006 millóns de persoas, un incremento de 8.408 a respecto do mes anterior. Mentres, as inscricións nas oficinas de emprego -o paro rexistrado- reducíanse en 6.631, o que convida a deducir que poboación que xa abandonara as listaxes do Servizo Público de Emprego -caso por exemplo do persoal que xa non percibe prestacións- se incorporou a un posto de traballo durante, cando menos, parte do mes.

A cifra de persoas inscritas como demandantes de emprego e incluídas no cómputo do paro rexistrado -as demandas de emprego totais, que inclúen colectivos como persoas desempregadas en cursos de formación, son 228.197- quedaron o pasado mes en 170.065, o que supón un descenso interanual de 19.600 inscricións. O volume de cotizantes á Seguridade Social aumentou en 26.622 a respecto do mesmo mes de 2017. En termos interanuais, daquela, tamén cabe pensar na incorporación de persoas que non se atopaban inscritas nas oficinas de emprego.

Galicia non superaba o millón de cotizantes dende o verán de 2011 e non está de maneira estable por riba desta cifra dende 2010

Aínda que foi no verán de 2011 a última ocasión na que Galicia superara o millón de cotizantes, a diferenza con aquel indicador é que se produciu nunha xeira descendente para o conxunto do mercado laboral galego. Non en van, no outono de 2010 a Seguridade Social deixou de rexistrar ese millón de persoas a cotizar de xeito máis ou menos estable e o devalo continuou ata comezos de 2014, cando estivo a piques de caer por baixo das 900.000 afiliacións mentres o desemprego rexistraba máximos da serie histórica. Dende aquel momento comezou unha xeira ascendente que, así e todo, aínda está lonxe dos máximos de cotizantes acadados antes do estourido da crise, no verán de 2008.

Estas cifras danse nun panorama xeral no que foron asinados 103.670 contratos laborais en Galicia nun só mes, practicamente os mesmos que en xuño de 2017, se ben hai un ano a afiliación aumentara medio punto menos en termos interanuais e o paro caera uns dous puntos menos con relación ao mesmo mes do ano 2016. No que atinxe á estabilidade do emprego os contratos indefinidos asinados en Galicia foron en xuño 8.283, uns 1.068 máis que un ano antes, o que supón unha suba do 14,80% interanual. Os contratos temporais foron, daquela, 95.387, un 1,05% menos que en xuño de 2017.

As cifras divulgadas polo Ministerio de Traballo e o Instituto Galego de Estatística amosan, deste xeito, que o ritmo de descenso do paro rexistrado xa supera o previo á crise, como viña sucedendo nos meses precedentes, pero o da creación de emprego segue por baixo, cando menos polo momento. O groso da redución do paro rexistrado estivo en xuño no sector servizos (-4.682), que acumula tamén o maior volume d de poboación en situación de desemprego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.