O paro baixa en Galicia ata niveis do inicio da crise con 60.000 empregos menos

Exterior dunha oficina de emprego CC-BY-SA Praza Pública

O paro baixou en Galicia en 22.000 persoas no terceiro trimestre deste 2018 respecto ao trimestre anterior até situarse nas 153.000 persoas, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos este xoves. Son 28.700 menos que hai un ano, polo que a taxa do paro queda no 12,2% no país.

Esas algo máis de 150.000 persoas sitúan a cifra do paro en niveis do inicio da crise económica, pero con case 60.000 ocupados menos. Eses son os datos de comparar os actuaiscos do terceiro trimestre de 2009, un ano despois da caída de Lehman Brothers e coa crise empezando a agromar en Europa, España e Galicia. Daquela, cun número de parados superior nunhas 8.000 persoas ao actual (161.100), o emprego situábase nos 1.156.200 ocupados fronte aos 1.096.500 de agora.

Malia que a ocupación segue a medrar, a crise demográfica e a emigración deixaron polo camiño 60.000 empregos en Galicia. Neste terceiro trimestre, o número de ocupados aumentou en 20.700 persoas respecto ao trimestre anterior até eses 1.096.500. A taxa de ocupación aumenta 0,9 puntos neste trimestre, ata o 47%. Ademais, nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 24.000 persoas, o que supón unha suba do 2,2% en termos relativos.

Ademais, no terceiro trimestre de 2018, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 7.600 unidades e sitúase en 53.000 fogares. Respecto ao terceiro trimestre de 2017, este tipo de fogares redúcese un 14,1%. Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 16.500 unidades. O número de vivendas nesta situación é de 607.000. En comparación co mesmo trimestre do ano anterior hai 22.800 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 3,9% en termos relativos.

En canto á poboación máis novas, dos 318.200 mozos e mozas galegos de entre 16 e 29 anos, 124.200 (o 39%) están ocupados, 38.800 (o 12,2%) parados e os 155.300 (o 48,8%) restantes son inactivos.

Na súa primeira reacción, a Xunta destacou que os datos da EPA "revelan que en Galicia crece a taxa de ocupación a niveis de 2009". "A nosa Comunidade suma no último ano 24.000 novos asalariados. Hai máis contratación indefinida e menos temporal", dix. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.