O persoal de Alcoa volve mobilizarse este sábado ao pé da Torre de Hércules

Marcha obreira do persoal de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

O persoal de Alcoa A Coruña prepárase xa para novas mobilizacións. Ademais das protestas "sorpresa" que xa anunciara, o comité de empresa anunciou que levará a cabo un acto reivindicativo o vindeiro sábado ás 12 do mediodía na rampla de acceso á Torre de Hércules. Alí, os traballadores formarán, coa axuda da cidadanía á que solicita que os acompañe, o lema "Peche Non" mentres manteñen as concentracións diarias diante das instalacións da empresa. 

O persoal de Alcoa chama a cidadanía a mobilizarse o sábado ao mediodía ante a Torre de Hércules para formar o lema "Peche Non"

Ademais, unha representación do cadro de persoal da fábrica coruñesa participará o vindeiro xoves na marcha que percorrerá as rúas de Avilés para rexeitar o peche anunciado tamén na planta desa localidade. Como ocorrera hai xa anos e na mobilización do pasado 20 de octubre na Coruña, a participación de traballadores dunha e outra factoría nas diferentes manifestacións en Asturias e Galicia volve ser habitual. 

Tamén o é o apoio que aos obreiros de Alcoa chega desde A Mariña, onde a multinacional mantén as dúas plantas en Cervo que, polo momento, non están ameazadas de peche como no caso das da Coruña e Avilés. Neste caso, a solidariedade chega desde un cos clubs deportivos máis representantivo da comarca, o Burela Pescados Rubén, que nun comunicado amosa "o seu apoio a todo o persoal traballador" da empresa. 

O Burela Pescados Rubén amosa o seu "apoio" ao persoal e pide ás institucións "que abran unha vía de diálogo para manter os postos de traballo"

"Alcoa-San Cibrao forma parte do pasado, presente e futuro da vida da Mariña Lucense; é o principal motor económico da bisbarra, xunto ao sector pesqueiro, e cun gran peso na franxa cantábrica, con Avilés e A Coruña", destaca o club, que pide que os mariñáns se manteñan "unidos" e pidan "que as institucións competentes na materia tomen cartas no asunto para abrir unha vía de diálogo que permita manter os centos de postos de traballo de Alcoa que agora mesmo están en serio perigo nas cidades herculina e asturiana, así como que garanta a viabilidade da planta cervense".

"A Familia Laranxa está con vós!!!", di o club, que se une así a outras entidades deportivas que xa amosaron con claridade o seu rexeitamento ás medidas anunciadas por Alcoa.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.