O Goberno desenténdese dos afectados polas preferentes, aos que só lles quedará a vía xudicial

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña CC-BY-NC Praza Pública

A reforma financeira que o Consello de Ministros aprobará este venres o o seguinte, aínda en agosto, permítelle ao Estado pagar polos títulos só o prezo de mercado, polo que os milleiros de aforradores galegos poderían perder a metade do capital retido polos bancos. O texto da reforma permite, no mellor dos casos, aplicar "as primas ou descontos que resulten conformes coa normativa da Unión Europea", que pode supor un 10% sobre o valor de mercado.

A reforma impide que os afectados lle reclamen á entidade ou ao FROB, polo que só lles quedará a posibilidade de establecer un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional

O decreto contempla que “a entidade solicitará a elaboración de cando menos un informe por un experto independente, a efectos de acreditar o valor de mercado”. Entre as distintas medidas que poden adoptar as entidades con axudas, Economía permitirá tamén os trocos por accións ou outros produtos bancarios. Estas medidas serán de “aceptación voluntaria por parte dos investidores”, agás cando sexa o FROB o que impoña a medida.

Ademais, a reforma impide que os afectados lle reclamen á entidade ou ao FROB, polo que só lles quedará a posibilidade de establecer un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional. Calcúlase que os afectados en Galicia superan as cen mil persoas, que xa iniciaron os trámites para esixir xudicialmente que as entidades bancarias lles devolvan integramente os cartos neles depositados.

Os responsables de ADICAE afirmaron esta tarde que "a proposta de quita é unha desvergonza, e sáltase a lexislación europea porque non ten en conta que houbo unha comercialización fraudulenta". De igual xeito xa este mércores o BNG instaba á Xunta a impugnar a reforma financeira, pois xa advertía de que determinaría unha perda do valor das participacións preferentes de ao redor do 60%. Carlos Aymerich denunciou que "dende o 20 de xullo, cando asinou o memorando que fixa as condicións do rescate bancario" o Goberno "sabía perfectamente o que vai pasar".

Pola súa banda, a oficina do Defensor del Pueblo denunciou esta tarde trabas da CNMV na súa investigación polas participacións preferentes. O organismo considera que a CNMV realizou un "control preventivo ineficaz" para evitar a colocación indebida das participacións preferentes entre pequenos aforradores.

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña CC-BY-NC Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.