0 Gardados para despois

A reforma laboral perde a primeira partida nas rúas galegas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A reforma laboral perde a súa primeira partida na rúa. A menos dun mes da folga xeral convocada pola CIG, milleiros de galegos acudiron este domingo á chamada de Comisións Obreiras e UGT para expresar o seu rexeitamento ao "desprezo aos dereitos laborais" que, din, supón o proxecto do Goberno de Mariano Rajoy. As centrais sindicais cifran en 140.000 as persoas que secundaron as nove convocatorias galegas dunha protesta que tivo 57 escenarios en todo o Estado e sobre a que planeou a posibilidade dunha folga que, de convocarse, debe ser "para gañala", din.

As protestas máis masivas contra a "maior agresión do período democrático aos dereitos dos traballadores" foron as de Vigo e A Coruña. Mentres, desde Sevilla, Mariano Rajoy continuaba a xustificar a reforma, na coruñesa Praza da Palloza unha das palabras máis repetidas era "cabreo". Nesta mobilización, fixada polos convocantes como a "central" para Galicia, os secretarios xerais de CC.OO e UGT advertían de que as marchas deste domingo non van ser unha illa, senón o inicio dun camiño que, admiten, pode rematar en folga xeral. "Se non escoitan este clamor haberá máis mobilizacións e seguramente, tamén folga", resume para Praza Pública o líder de Comisións, Xosé Manuel Sánchez Aguión.

A de hoxe, di Aguión, é só "a primeira resposta" a ao "atraco social" que, di, sofre o conxunto da poboación, pero cuxas consecuencias afectan especialmente "aos que están en peores condicións", no caso galego, "os 275.000 parados" e as "80.000 familias sen ingresos". Nun sentido semellante, dende UGT José Antonio Gómez recoñece a Praza que as manifestacións teñen un papel de termómetro e o mercurio sobre a niveis de "tremendo cabreo". "Este é o primeiro paso dunha mobilización sostida no tempo" e dunha "resposta masiva e contundente, en toda Galicia e no resto do Estado"

Folga xeral e posible unidade coa CIG

Nestes primeiros pasos do camiño do rexeitamento á reforma laboral, nin CCOO nin UGT desbotan atoparse coa CIG. Se ben dende ambos sindicatos lamentan que a central nacionalista convocase xa a folga "pola súa parte", non descartan a chegada a unha unidade que, lembran, xa se produce en ámbitos como a función pública, no que nos vindeiros días iniciarán mobilizacións conxuntas contra o plan de recortes do Goberno galego.

Sobre esta base, Sánchez Aguión di que lle tería "gustado" que a "CIG se sumase ás mobilizacións" deste domingo e Gómez amósase convencido de que "a campaña de mobilizacións nos levará a confluír". "As folgas xerais fanse para gañar" e Comisións e UGT "convocarémola cando máis dano lle faga ao Goberno". O termómetro da rúa segue a subir e, no congreso do PP, Rajoy daba a súa particular resposta: "faremos o que teñamos que facer".

Datos sindicais de asistencia ás protestas
A Coruña 35.000
Lugo 4.000
Ourense 5.000
Pontevedra 5.000
Santiago 15.000
Vigo 50.000
Ferrol 25.000
Burela 550
Vilagarcía 2.000

 

O secretario xeral de CC.OO. en Galicia asegura que a manifestación contra a reforma laboral pode ser a primeira mobilización previa a unha folga "histórica"

CC BY-SA Praza Pública

O secretario xeral de UGT en Galicia coida que só a "rectificación" do proxecto de reforma laboral pode evitar a folga xeral

CC BY-SA Praza Pública

Manifestación na Coruña

Manifestación contra a reforma laboral en Santiago

Un intre da manifestación na Coruña

Un intre da manifestación na Coruña

Traballadores da fábrica de armas na Coruña, na protesta

Pancarta a prol da sanidade pública, na Coruña

Xosé Manuel Sánchez Aguión, na protesta da Coruña

Manifestación na Praza de Galicia, en Santiago

Manifestación en Santiago

Protesta contra a reforma laboral en Vilagarcía de Arousa

Remate da manifestación en Vilagarcía

Cabeceira da marcha na Coruña

Aspecto da protesta na Coruña

Cabeceira da manifestación coruñesa

Un intre da manifestación de Vigo, co mar ao fondo

Manifestacións de CC.OO e UGT contra a reforma laboral

Máis de 100.000 persoas acudiron ás nove protestas convocadas en Galicia contra a reforma laboral

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Rajoy: "Os españois están de acordo"

Mentres se celebraban as manifestacións convocadas por CC.OO. e UGT, o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, aproveitaba a clausura do congreso do PP en Sevilla non só para realizar unha pechada defensa da súa reforma laboral, senón tamén para asegurar que os cidadáns concordan con ela. "Non será agradable, pero os españois están de acordo. Que ninguén o dubide", di o conservador para, a continuación, advertir de que seguirá a facer "o que sexa preciso".

Segundo Rajoy, para que a economía española "medre e cree emprego" cómpre "facer isto que fixemos" e só hai "algúns" aos que "non lles gusta o que estamos facendo, quizais porque lles gustaba máis o que había antes". "Nese caso, é natural que protesten", evidencia o xefe do Executivo central que, ademais, completa a súa crónica situación considerando que, malia ás espectaculares cifras de paro, "cambiou a actitude da xente; non é que vexan agora a saída, pero agora cren que existe unha saída, agora cren que podemos alcanzala". Mentres, advirte, quedan aínda máis "sacrificios" polo camiño.