"Que nos escoiten desde Compostela até Bruxelas: Somos aforradores, non especuladores"

A manifestación no Obradoiro © elenapatu

Os afectados polas participacións preferentes néganse a que a súa reivindicación se esqueza na campaña electoral. Esta mañá realizaron unha nova manifestación de ámbito galego, que percorreu as rúas de Compostela, entre a Alameda e a Praza do Obradoiro. A marcha, convocada por 25 plataformas de toda Galicia, reuniu milleiros de participantes e contou co apoio de numerosos dirixentes do BNG, coma Carlos Aymerich e Rubén Cela.

No manifesto que se leu ao remate da marcha reclamouse unha vez máis a devolución íntegra dos cartos retidos polas entidades bancarias, reclamando que os afectados son "aforradores e non investidores ou especuladores" polo que non se lles poden aplicar os mesmos criterios que os accionistas das caixas e bancos intervidos polo Estado, coma Novagalicia Banco. As críticas centráronse no decreto aprobado polo Goberno central o 30 de agosto e que asume as indicacións da UE para a concesión do rescate bancario e tamén na solución da arbitraxe proposta e defendida pola Xunta.

A este respecto denunciouse que "seguen a marearnos coa arbitraxe" advirtese que "segundo as propias palabras de Novagalicia banco será a solución só para o 15 % dos afectados" e que "o banco está a rexeitar 3 de cada 4 solicitudes" e "os casos resoltos por esta vía non chegan a acadar o 1% ou o 2% dos 43.000 afectados". O manifesto final pregúntase "que vai pasar cos corenta mil casos que non serán admitidos á arbitraxe?".

O manifesto final pregúntase "que vai pasar cos corenta mil casos que non serán admitidos á arbitraxe?"

Asi mesmo, acusaron o presidente da Xunta de ter coñecemento desta situación dende o momento en que encargou unha auditoria para coñecer a situación das caixas en 2010 e de non ter feito nada ao respecto. Finalmente os manifestantes esixíronlle a Núñez Feijoo que dote de medios ao xulgado nº 11 da Coruña para que a demanda da fiscalía sexa admitida a trámite canto antes, que se persone nesa demanda da fiscalía, que impugne o Real Decreto, "que lles diga a Madrid e a Bruxelas que fomos estafados e enganados" e que mova o cu aquí e non no Caribe".

Pola súa banda, Carlos Aymerich, número 1 do BNG pola provincia de Pontevedra, tamén instou a Xunta e a NGB a actuar para garantir que os aforradores recuperen o 100% dos seus cartos, impugnando o decreto e asumindo a demanda xudicial presentada, o que automaticamente levaria á devolución dos ingresos.

A manifestación polas rúas da zona vella de Compostela Dominio Público Praza Pública
A manifestación no Obradoiro © elenapatu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.