Dez millóns en fianzas para os ex directivos de Novacaixagalicia

Julio Fernández Gayoso, no Congreso © Congreso dos Deputados

"Indicios de criminalidade suficiente". Así de contundente se amosa o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno no auto feito público este martes sobre os ex directivos de Novacaixagalicia aos que Anticorrupción investiga por posibles cobramentos indebidos. E por eses indicios e cobramentos o maxistrado vén de decidir a adopción de medidas en forma de fianza: un total de 10,5 millóns de euros que os antigos dirixentes de NCG terán que depositar se non queren que se "proceda ao embargo de bens da súa propiedade".

A maior fianza élle requirida a quen foi director xeral adxunto de Novacaixagalicia, Javier García de Paredes, a quen o xuíz Moreno lle esixe 7,02 millóns de euros. A continuación sitúase o outro máximo responsable da entidade fusionada, José Luis Pego, que exerceu de direcetor xeral da caixa fusionada e que agora ten que ingresar 1,9 millóns. Correspóndenlles menores cantidades a Gregorio Gorriarán, antigo responsable do do grupo inmobiliario resultante das divisións que Caixanova e Caixa Galicia tiñan nese sector (1,2 millóns de euros) e a José Óscar Rodríguez Estrada, que foi un dos encargados da oficina de integración das caixas (347.920 euros). Destas cantidades deberá responder tamén como responsable solidario o antigo copresidente de NCG e ex presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso.

No caso de que non acheguen as fianzas, procederase ao "embargo de bens da súa propiedade en cantidade suficiente para responder" delas

No caso de que nas seguintes vinte e catro horas á notificación oficial das fianzas os antigos directivos non paguen o que se lles reclama o xuíz advirte de que lles embargará pertenzas "en cantidade suficiente para responder das sumas que se lles reclama" e que equivalen ás cantidades que presuntamente cobraron de maneira indebida en forma de prexubilacións millonarias. Isto acontece porque, segundo o xuíz, "por agora" é posible tirar da investigación que os catro ex directivos actuaron "no seu propio beneficio e para asegurar os seus intereses persoais e preparar a súa previsible saída da entidade resultante" das fusións. Para todo isto supostamente contaron "coa cooperación de Gayoso", di o auto.

"Melloras" nos seus propios contratos 

O modus operandi dos antigos directivos estaría baseado, sempre segundo a investigación xudicial, na introdución de "melloras" nos seus propios contratos para así poder percibir "elevadas sumas de cartos co ocasión do cesamento das súas actividades" na entidade financiera, todo isto malia coñecer a súa "dificilísima situación económica". Dado que García de Paredes, Pego, Gorriarán, Rodríguez Estrada e Gayoso conservan "capacidade de actuar" sobre os seus propios bens o xuíz considera pertinente a imposición das fianzas para evitar que poidan "eludir a súa posible responsabilidade patrimonial derivada dunha actuación punible", isto é, que poidan manobrar de tal xeito que, en caso de seren condenados, xa non teñan legalmente bens cos que responder da condena.

A imposición destas fianzas deriva do procedemento xudicial iniciado pola Fiscalía Anticorrupción, que a través dunha querela contra os ex directivos sinalou que estes "dispuxeron fraudulentamente de bens da entidade", ocultando "o importe das súas prexubilacións" tanto ao consello de administración de NCG como ao Banco de España, causándolle importantes prexuízos económicos non só á propia entidade, senón tamén ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) ou, o que é o mesmo, ao Estado, que actualmente controla máis do 90% do banco ao que Novacaixagalicia transferiu o seu negocio financeiro.

Feijóo e Currás, con Varela, Gayoso e Castellano © Xunta
José Luis Pego, exdirector xeral de Novagalicia Banco © NCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.