Rebelión nun concello galego. O alcalde de Ares, Julio Iglesias, vén de anunciar este domingo que cancelará a súa conta con aquelas entidades bancarias que "decidan practicar un desafiuzamento a un veciño" deste municipio coruñés. "O Concello quere axudar, na medida das súas posibilidades, a evitar os cada vez máis frecuentes desafiuzamentos que están a practicar as entidades bancarias a familias que, pola crise económica, vense na rúa por non poder pagar a vivenda na que residen", remarcou, a través dun comunicado.
"O Concello quere axudar, na medida das súas posibilidades, a evitar os cada vez máis frecuentes desafiuzamentos"
Ademais, o rexedor socialista adiantou tamén qeu vai remitir unha carta ás entidades financeiras nas que o Consistorio ten contas para advertirlles da súa decisión e das posibles consecuencias. Ao tempo, Julio Iglesias fai un chamamento ao resto de alcaldes para que o imiten e fagan "o mesmo" para conseguir así que os bancos "non leven a cabo estes desafiuzamentos".
A decisión do alcalde de Ares chega tras o sucidio dunha veciña de Barakaldo xusto antes de que fora expulsada da súa casa por unha entidade bancaria e despois tamén de que o alcalde de Tenerife conseguise parar o desafiuzamento dunha veciña tras ameazar a Bankia de anular as contas que o Concello tiña na entidade madrileña.