0 Gardados para despois

Novagalicia Banco operará no exterior baixo a marca Evo Bank

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Evo Bank. Con esta marca operará Novagalicia Banco no exterior de Galicia, e substituirá esta nova nomenclatura por NGB. Así o confirmaron fontes de todos os sindicatos da empresa a Praza, que engadiron que xa hai oficinas en Madrid coa imaxe cambiada. Nun principio a intención do banco que preside José María Castellano era a de manter Novagalicia Banco como marca en Galicia e NGB para a rede exterior. Prodúcese, xa que logo, un novo cambio tras Novacaixagalicia, NCG Banco SA e NGB.

Segundo indicaron desde a división sindical de CCOO na compañía, na que é maioritario, o departamento de márqueting optou pola marca "EVO Banco intelixente" para "unhas 120 oficinas" da rede exterior. Outras 60 sucursais quedarían operando baixo a marca NGB e 150 serían pechadas. "Nós enterámonos hai poucas horas", coincidiron tanto desde a CIG como desde CSICA a preguntas de Praza. Foi UGT, a través dunha circular, a que desvelou a nova nomenclatura.

Os traballadores da rede exterior enteráronse cando foron operarios dunha empresa de rótulos

A intención da empresa era de dar a coñecer a marca o día 12 e comezar a operar con ela a mesma xornada, tal e como se lles comunicou á representación sindical. NCG Banco SA, nome co que está incluída a entidade na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), rexistrou o dominio evobank.es o pasado día 8 de febreiro.

"Os traballadores da rede exterior enteráronse cando foron operarios dunha empresa de rótulos a cambiar os que tiñan na porta", apunta un traballador da caixa en Vigo. "A nós fainos graza". Este cambio da imaxe de marca prodúcese a un día de que sindicatos e empresa teñan outra reunión para abordar o ERE plantexado para 750 persoas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.