Os fondos para as políticas activas de emprego perden catro de cada dez euros

A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, con Feijóo ao fondo © Ana Varela

Menos cartos para as políticas activas de emprego, xusto nos momentos de maior desemprego en Galicia. O prognóstico da Consellería de Facenda indica que o PIB reducirase un 0,9% no próximo exercicio e que a taxa de desemprego incrementarase até o 21%, catro décimas máis da previsión que hai para o peche deste ano.

O axuste orzamentario aplicado polo Goberno central hai medio ano ás políticas activas de emprego deixaron Galicia con 140 millóns de euros menos para estas partidas, o que unido á insuficiencia do Goberno de Feijóo para conseguir novos recursos supoñen unha diminución moi importante. Así se pode comprobar nuns Orzamentos da comunidade autónoma nos que a Xunta perde catro de cada dez euros empregados o ano pasado para a creación de emprego ou a inserción laboral. Unha análise aos principais programas da Dirección Xeral de Traballo neste ámbito aclara que estes fondos descenden en algo máis do 40%.

O axuste orzamentario de Madrid e a insuficiencia da Xunta para achegar recursos confirman a forte diminución de fondos

Así, a Consellería de Traballo e Benestar destinará en 2013, segundo estes Orzamentos, uns 201 millóns de euros á promoción do emprego e ás institucións do mercado de traballo, fronte aos máis de 338 do pasado ano, o que supón unha redución de máis de 136 millóns e do -40,5%.

Os fondos nos programas de mellora e fomento da empregabilidade caen en case un 60%

Así, a maior redución de fondos chega nos programas de mellora e fomento da empregabilidade, que caen case un 60% ao pasar dos 99,8 millóns do ano 2012 aos 40,6 que se prevén para o vindeiro exercicio. En canto á intermediación e inserción laboral, a diminución da achega económica é tamén de preto do 60%, ao pasar dos 18 millóns destinados no ano pasado aos 7,3 que se dedicarán en 2013.

En canto á promoción do emprego, emprego autónomo e do mercado de traballo inclusivo, os 54 millóns de euros de fondos cos que se dispoñían no pasado ano pasarán neste vindeiro exercicio aos 43,3, o que supón un descenso de case o 20%. Algo máis (-26,7%) é a baixada na formación profesional para desempregados, que recibirá 72,5 millóns fronte aos 98,9 de 2012.

A escaseza de fondos para estas políticas activas de emprego é continuamente criticada pola oposición. Xa na primeira sesión de control do Parlamento tras as eleccións autonómicas, o líder do PSdeG, Pachi Vázquez, propuxéralle a Núñez Feijóo que incrementase os fondos para estas partidas, ademais de aumentar o investimento en innovación e unha nova fiscalidade á banca da que a Xunta tampouco quere saber nada.

Precisamente, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que repite cargo tras as eleccións, manifestara antes dos comicios que "as políticas activas de emprego non crean nin un só posto de traballo".

Mato, nun recente acto público da Xunta con Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.