Feijóo culpa o bipartito das preferentes das caixas, emitidas dende 2003

Feijóo, nunha sesión de control na Cámara © Xoán Crespo

"Igual non se enterou, o tema do corralito chámase preferentes e é da súa época". Deste xeito o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responsabiliza o goberno bipartito da Xunta das participacións preferentes das antigas Caixa Galicia e Caixanova, o produto financiero no que están "atrapadas" unhas 100.000 persoas, cun patrimonio duns 1.200 millóns de euros, segundo datos da Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas. Capital agora retido polo actual Novagalicia Banco a causa da imposibilidade de vender ese produto no mercado secundario (é de vencemento perpetuo) e de que os impositores recuperen os depósitos. Feijóo empregou esta acusación para respostar á pregunta do secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, que na sesión de control parlamentario lle esixiu explicacións para "as 100.000 familias que están a vivir o particular corralito galego".

A primeira emisión de preferentes foi en 2003 e detivéronse en 2011, pola imposibilidade dos usuarios de recuperar os cartos

"Vostede ten que resolver, porque é presidente", reclamou Vázquez, esixencia ante a que o presidente trasladou as responsabilidades ao anterior Executivo, por "jalear" os directivos aos que  "nunca lles esixía" nada. "Eu estou disposto a dar a cara por todas as decisións, o que non estou disposto a dar a cara é polos problemas que lle deixaron a Galicia". Se ben é certo que as participacións preferentes das antigas caixas existiron durante o mandato da coalición de socialistas e nacionalistas, non o é menos que non naceu nin rematou durante o seu mandato. Non en van, segundo ten admitido a propia entidade, a primeira emisión de preferentes remóntase ao ano 2003, isto é, cando aínda sentaba Manuel Fraga no sillón da presidencia da Xunta. Este produto financeiro continuou vixente ata o ano 2011, isto é, ata o ecuador do mandato de Feijóo, e non remataron por unha intervención da Xunta, senón pola imposibilidade dos usuarios de recuperar os seus investimentos.

Neste contexto, Vázquez lémbralle a Feijóo "que é o presidente da Xunta" , polo tanto, "ten que resolver". "Xa sabemos que a vostede iso de resolver non lle vai, pero ten que dicir se está do lado dos que puxeron os cartos para o sistema financeiro e llelos malgastaron ou se está do lado dos que o malgastaron e non o queren resolver". "Reuniuse con eles? Tivo tempo para reunirse con outros pero, que solución lles vai dar?", cuestionou.

Futuro de NGB "en Londres" ou "en Barcelona"

Á marxe da controversia en torno ás preferentes, Pachi Vázquez reclamou tamén, con escaso éxito, explicacións do xefe do Goberno galego a respecto do futuro de NGB. En opinión do socialista, Feijóo "non é quen de dicirlle á cara a toda Galicia" que ao banco presidido por José María Castellano só lle restan "dúas opcións": ser adquirido "por un fondo de investimento americano ou londinense" ou que a compradora sexa unha entidade como Caixa Bank, o Banco Santander ou o BBVA. "Durante tres anos estívonos enganando. Ten a responsabilidade de dicirlles aos galegos que xa non imos ter caixas nin sistema financeiro propio".

O escenario debuxado por Vázquez non coincide co interpretado por Feijóo. Segundo o presidente, nada "mudou" e a aspiración segue a ser a "dunha entidade bancaria, solvente e galega". "Nós non nos debemos a ninguén" mási que aos "intereses dos galegos, nin temos donos, nin amos, nin xente que nos mande". Mentres, censura, o líder socialista está "obsesionado coa posibilidade de perder un sistema financeiro". "Conseguimos mantelo na primeira volta e imos ver se podemos mantelo na segunda, en contra súa".

Feijóo, durante a sesión de control © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.