Os afectados polas preferentes perderán de media case a metade dos seus aforros

Concentración de afectados polas preferentes CC-BY-SA Merixo

Confirmáronse as peores previsións. Os afectados polas participacións preferentes de Novagalicia Banco perderán de media case a metade dos seus aforros, logo de que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) confirmase que se lles aplicará unha quita media do 43%. Os máis de 60.000 afectados en Galicia da entidade resultante da fusión das caixas galegas verán así como quedan sen boa parte dos cartos que, na maioría dos casos, aforraron durante toda a súa vida. E todo polas imposicións de Bruxelas acatadas polo Goberno central tras o millonario rescate bancario. Aínda haberá casos peores, xa que os preferentistas que adquiriran estes produtos no Banco Gallego sufrirán unha quita de exactamente a metade do investido, o 50%. Ademais, estes datos tan só son medias, xa que as quitas aínda poderían ser maiores dependendo da antigüidade dos títulos.

Os afectados por preferentes de NGB perderán case a metade dos seus aforros e as accións que reciban sufrirán desconto

A metade restante dos cartos destes milleiros de aforradores serían recuperados a través de accións non cotizadas de Novagalicia Banco, que terán que vender ao Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) ao que a banca achegará 2.000 millóns. Os títulos serán trocados por accións da entidade, pero sufrirán outro desconto a partir do mes de xuño cando os investidores acudan a este FGD para vendelas.

Esta solución non foi aceptada en ningún momento aceptaron as distintas plataformas de afectados polas preferentes, que se prevé que recrúen as súas protestas logo de varias semanas nas que obrigaron a suspender varios plenos e nas que se mobilizaron en numerosos actos aos que asistiron cargos públicos do Partido Popular. Á marxe da mala noticia para os aforradores, o FROB tampouco lles resolveu moitas dúbidas, xa que non aclarou o desconto que sufrirán os particulares cando acudan a facer líquidas as súas preferentes. Posiblemente o prezo varíe e aínda perdan máis cartos.

Os posuidores de débeda subordinada perpetua e de débeda subordinada con vencemento de NGB perderán de media o 41%  e o 22% respectivamente

No caso dos posuidores de débeda subordinada perpetua e de débeda subordinada con vencemento de Novagalicia Banco perderán de media o 41%  e o 22% respectivamente. Para o caso do Banco Gallego o recorte medio será  do 39% e do 11%, respectivamente. No caso de Catalunya Bank, a quita media será do 61% para as preferentes, do 40% para a débeda subordinada perpetua e do 15% para a débeda subordinada con vencemento.

Ademais, o organismo público decidiu reducir o nominal da acción de Bankia de 2 euros a un céntimo e realizar despois unha ampliación de capital de 15.540 millóns de euros.

A banca achegará 2.000 millóns para dar liquidez aos aforradores

No mesmo día no que o FROB confirmou as quitas, o Consello de Ministros aprobou unha derrama extraordinaria das entidades financeiras ao Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) do 3 por mil dos depósitos, cantidade coa que se conseguirá obter entre 1.500 e 2.000 millóns de euros, que irá destinada a dotar de liquidez aos preferentistas de Novagalicia Banco e Catalunya Banc, segundo anunciou o ministro de Economía, Luis de Guindos.

"O que estamos a facer é pedir aos bancos unha cantidade extraordinaria de diñeiro para dotar de recursos ao FGD de modo que poida dotar de liquidez a estas participacións preferentes", afirmou De Guindos en rolda de prensa tras o Consello de Ministros, tras aclarar que esa derrama vaise a distribuír por anos, de modo que o 40% do total dotarase nos vinte primeiros días de 2014.

A comisión xestora do FGD fixará a contía, pero poderá establecer exencións para eximir as entidades intervidas polo FROB, así como as de pequeno tamaño, cun balance inferior aos 5.000 millóns, e teranse en conta as achegas á Sociedade xestora de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb).

Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @auribra

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.