Paz-Andrade vendeu en febreiro accións de Pescanova por máis de 2,5 millóns

Alfonso Paz-Andrade © Consello da Cultura Galega

Outra vaca no millo. O ex conselleiro e accionista de Pescanova, Alfonso Paz-Andrade, vendeu no pasado mes de febreiro 150.392 accións por un importe de 2,55 millóns de euros, rebaixando así a súa participación na compañía ata pouco máis do 3%, segundo se desprende dos rexistros da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Paz-Andrade vendeu tres paquetes de accións entre o 22 e o 27 de febreiro

A sociedade Nova Ardara Equities, controlada maioritariamente por Paz-Andrade, foi a que vendeu tres paquetes de accións entre o 22 e o 27 de febreiro e a un prezo que foi dos 16,53 aos 17,07 euros por título. Xa na primeira operación, vendeu case 100.000 accións a 17,07 euros, para logo desfacerse de 25.000 por algo menos de diñeiro e outras 25.000 máis o 27 de febreiro a un prezo de 16,53. 

O empresario vendeu os títulos a un prezo tres veces superior ao do momento da suspensión da cotización da compañía

A través desta operación, Paz-Andrade vendeu parte dos seus títulos en Pescanova a un prezo superior ao que estaban cando lle foi suspendida a cotización pola CNMV o 12 de marzo. Daquela, as accións intercambiábanse xa a 5,91 euros por acción, case tres veces menos. O caso é aínda  máis sospeitoso se se repara na comunicación remitida á CNMV, onde figura como data de notificación o 28 de febreiro, unha data que sae riscada a man e sobre a que se le, tamén a man, 26 de abril de 2013.

Paz-Andrade modificou a man da data de notificación e podería ter vulnerado a normativa

Alfonso Paz-Andrade seguiu así o camiño marcado polo presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, que vendeu unha gran cantidade de accións  hai uns meses, pero que tampouco comunicou o movemento nas súas participacións no prazo de catro días hábiles bolsistas, tal e como marca a Lei de Mercado de Valores. Tanto un como o outro poderían ter vulnerado a normativa.

Alfonso Paz-Andrade © Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.