Manifesto Crowd: As empresas abertas e construídas polas multitudes

Capa do libro Dominio Público Praza Pública

Juan Freire e Antoni Gutiérrez-Rubí publicaron hai uns meses Manifiesto Crowd, unha obra aberta que busca explorar como as transformacións radicais que está a experimentar a nosa sociedade afectan as estratexias empresariais. O libro pódese descargar de balde e inclúe un manifesto propiamente dito composto por 66 puntos coa extensión dun tuit e que os autores animan a completar colectivamente a través das redes sociais co hashtag #mc. Unha obra nacida a partir da discusión en catro sesións en distintas escolas de negocios e que continúa aberta, en construción. O manifesto pódese ler en cinco linguas, entre elas o galego, grazas á tradución realizada por Noela Sánchez Carnero. 

"Xerar unha resistencia ás dinámicas en rede, manter estruturas ríxidas e verticais, afasta á organización do ecosistema social e económico actual, debilítaa e pon o seu futuro en risco"

O manifesto defende que o éxito está do lado das empresas permeables, aberta e interconectadas coa comunidade que as rodea, en consonancia cos cambios que se veñen producindo na maneira en que as persoas se relacionan e comunican nas sociedades desenvolvidas e nas novas formas de xerar intelixencia colectiva. A primeira das teses é "os mercados son relacións", que lembra o "os mercados son conversas" destacado xa en 1999 polo Manifesto Cluetrain, e que anima a incorporar as dinámicas da rede en todas as fases. No texto destácase que "xerar unha resistencia ás dinámicas en rede, manter estruturas ríxidas e verticais, afasta a organización do ecosistema social e económico actual, debilítaa e pon o seu futuro en risco".

 

Unha empresa nacida e crecida no seo dunha comunidade

"O cidadán sempre estivo esperto. As ferramentas tecnolóxicas amplificaron o seu poder. Agora é capaz de manifestarse en rede e empoderar a outros cidadáns"

"A empresa aberta debe relacionarse e interactuar coa comunidade que a rodea ou constitúe directamente", salienta Gutiérrez-Rubí. O concepto de multitude (crowd) é outra das claves do libro. "O poder dos consumidores é moi alto. Cando non poden contribuír, organízanse e tecen a súa vinganza en rede", destaca a tese número 37. Os consumidores ou clientes da empresa deben "deixar de ser vistos como un axente pasivo, consumista, para ser visualizados como un elemento fundamental da propia creación do valor da organización". O libro lembra que "o cidadán sempre estivo esperto. As ferramentas tecnolóxicas amplificaron o seu poder. Agora é capaz de manifestarse en rede e empoderar outros cidadáns. A era industrial impulsou cidadáns que consumían pasivamente, a era do crowd impulsa cidadáns que colaboran, comparten experiencias".

"Estes novos modelos organizativos requiren de novos modelos de gobernanza que conectan directamente coa revitalización do procomún"

A empresa crowd descrita no libro nace e crece no seo da propia comunidade, indo moito máis aló dos conceptos de responsabilidade social empresarial. A verdadeira transformación social e cultural atópase na posibilidade de que as multitudes, utilizando tecnoloxías sociais para a súa coordinación, desenvolvan proxectos complexos de modo que xeren verdadeira acción e intelixencia colectiva. "Estes novos modelos organizativos requiren de novos modelos de gobernanza que conectan directamente coa revitalización do procomún. Mentres os primeiros modelos primaban a intelixencia individual que filtran e agregan, as prácticas comunitarias oriéntanse á acción e intelixencia colectivas como ferramentas de traballo. As novas prácticas oriéntanse a problemas complexos e indefinidos nos que o fundamental é a posta en común, a deliberación e o debate. Ou sexa procesos nos que se definen mesmo as preguntas relevantes".

 

Innovación colaborativa

"Nunha multitude cada compoñente é diferente e por tanto achega diversidade e xera capacidade de innovación. Neste sentido as multitudes son intelixentes"

A multitude responde ao modelo post-industrial propio do século XXI en que a eficiencia e calidade son só requisitos (en gran medida alcanzables mediante tecnoloxía) e o obxectivo é xerar de forma continua innovación, "e en particular innovación disruptiva". "Nunha multitude cada compoñente é diferente e por tanto achega diversidade e xera capacidade de innovación. Neste sentido as multitudes son intelixentes", din. "Innovar de modo endóxeno é caro, arriscado e lento, e pola contra a contorna competitiva impón eficiencia, rapidez e creatividade. A solución é a innovación aberta que adquire diferentes configuracións en función dos actores implicados, as súas relacións funcionais e os incentivos que entran en xogo", destacan.

Dende a década pasada afixémonos a esquemas nos que a retroalimentación era cada vez máis importante e os usuarios influían cada vez máis no redeseño continuo dos produtos e servizos. Agora estamos nunha nova fase na que os usuarios son parte do ecosistema, onde se incorporan ás plataformas (os antigos laboratorios) e aos mercados, e no que como consecuencia se co-deseña de modo continuo. Freire e Gutiérrez-Rubí sinalan que "as empresas empezan a tratar con estas comunidades" e para despregar este tipo das estratexias as empresas "crean ou se integran en espazos de innovación que funcionan como laboratorios abertos de innovación e deseño".

"Nun mundo en cambio continuo, a innovación é xa unha necesidade para a supervivencia das organizacións e non só unha oportunidade que pode ou non incorporarse á estratexia"

As novas tecnoloxías fixeron posible que os usuarios accedan a recursos semellantes aos que podía ter unha gran empresa hai poucos anos. Do mesmo xeito, lembran os autores do Manifesto Crowd, "hoxe moitas startups son capaces de ofrecer servizos equivalentes, ou superiores, ás das grandes empresas". "Nun mundo en cambio continuo, a innovación é xa unha necesidade para a supervivencia das organizacións e non só unha oportunidade que pode ou non incorporarse á estratexia", conclúen. Juan Freire e Antoni Gutiérrez-Rubí consideran que "as empresas necesitan ser capaces de xerar procesos orgánicos innovadores onde involucren todo tipo de axentes, necesítanse xa novos modelos abertos onde as propias organizacións sexan parte dos procesos de innovación e non só organizadores de mercados externos". 

"Xorden (ou redescóbrense), por pura necesidade, novas formas de soporte colectivo ou comunitario. Rexorden fórmulas empresariais e organizativas como cooperativas"

Tamén lembran que no actual período de crise se xera "unha incerteza adicional"  na que "xorden (ou redescóbrense), por pura necesidade, novas formas de soporte colectivo ou comunitario. Rexorden fórmulas empresariais e organizativas como cooperativas. E de modo complementario rexorde o concepto da aprendizaxe como un proceso continuo que debe operar ao longo da vida e abarcar todas as nosas actividades profesionais e persoais".

Capa do libro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.