O PSOE leva ao TC a reforma enerxética do Goberno que "castiga" as renovables

Planta de enerxía fotovoltaica © Friends of Earth

O PSOE presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a reforma enerxética aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy este verán, o Real Decreto-Lei 9/ 2013. Os socialistas consideran que a norma ten efectos retroactivos e "pon en cuestión a seguridade xurídica destas fontes renovables de forma directa", sentando ademais "un perigoso precedente para todas as actividades reguladas".

O novo decreto establece que as instalacións en funcionamento recibirán un complemento aos seus ingresos polo mercado, se é necesario, para acadar unha rendibilidade “razoable” en toda a vida da instalación. O problema, para o PSOE, é que se prevé que para instalacións construídas hai anos, se realiza un cálculo sobre o custe ao que debería ter chegado o proxecto, con que custe debería ter operado dende que entrou en funcionamento, e que rendibilidade debería ter obtido se "os seus custes fosen os que agora considere o Goberno que debían ser cunha xestión eficiente".

Denuncian que o Goberno "renuncia ás enerxías renovables" e abre "un conflito social que pode traducirse en miles de desafiuzamentos para os investidores familiares que hipotecaron as súas propiedades

Para os socialistas, esta reforma "dificulta os investimentos produtivos orientadas a un novo modelo produtivo cun gran compoñente innovador, como é o caso das renovables". Ademais, din, "agrava os problemas do sistema enerxético español e afecta a un tipo de enerxías autóctonas como as renovables, nun país cun 80% de dependencia enerxética respecto de terceiros países, desprezando a oportunidade de avanzar en independencia enerxética".

A este respecto, denuncian que o Goberno "renuncia ás enerxías renovables" e abre "un conflito social que pode traducirse en miles de desafiuzamentos para os investidores familiares que hipotecaron as súas propiedades para instalar plantas fotovoltaicas", cun número de afectados só por instalacións fotovoltaicas de 55.000 en toda España. Conclúen,  ademais, que o decreto "bota por terra o enorme esforzo feito no sector renovable, que se consolida noutros países" e que supón "un xacemento de emprego intensivo", ao que a economía española "renuncia".

O PSOE alerta de que o Goberno "condena o noso país a ter unha enerxía cada vez máis cara que o resto da UE"

Finalmente, o PSOE alerta de que o decreto do Goberno "traslada o déficit tarifario ao recibo da luz coas consecuentes subidas que sufrirán as economías familiares e as industriais" e "condena o noso país a ter unha enerxía cada vez máis cara que o resto da UE".

 

"Un xacemento de emprego intensivo"

O potencial económico e laboral da enerxía eólica en Europa multiplicouse case por dez en apenas doce anos, pasando de 13 xigavatios de potencia instalada en 2000 a preto de 100 en 2012. A Asociación Europea da Enerxía Eólica (EWEA) no seu informe Búscanse traballadores. A fenda de talento no sector eólico da UE, publicado en agosto sinalaba que ao sector lle faltan 7.000 candidatos cada ano para ocupar postos de perfís técnicos na construción de turbinas, operación e mantemento, e se a industria segue crecendo ao ritmo actual, o déficit de traballadores chegará ás 15.000 persoas en 2030, cando a eólica necesitará 50.000 empregados adicionais aos actuais.

O organismo lembra que este desfasamento non se debe á falta de candidatos para cubrir estes postos, sobre todo agora que a taxa de paro se disparou en países como España, senón á ausencia de formación axeitada. De feito, o 78% das empresas de 16 países da UE preguntadas para a realización do informe, entre eles España, estiman que lles resulta "difícil ou moi difícil atopar persoal preparado".

Hai uns anos España chegou a ser o cuarto país en potencia eólica instalada e o quinto en número de patentes, tiña un alto nivel de investimento en I+D e chegara a crear 45.000 postos de traballo

Hai uns anos España chegou a ser o cuarto país en potencia eólica instalada e o quinto en número de patentes, tiña un alto nivel de investimento en I+D e chegara a crear 45.000 postos de traballo, unha parte moi importantes deles en Galicia. Todo despois dun traballo de moitos anos e dun investimento de 25 mil millóns de euros. En boa medida todo iso veu abaixo, sobre todo despois da reforma enerxética aprobada polo Goberno este verán, que lle deu o golpe de graza a un sector eólico galego paralizado dende hai anos. Acciona Energía (cun ERE que afectou a 75 traballadores en Galicia), Almston (63 despidos) ou Gamesa (80 despidos), sumaron novos nomes e novas cifras ao desmantelamento do sector eólico no noso país, que acumula máis dun milleiro de empregos perdidos nos últimos tempos.

Galicia era líder na fabricación de compoñentes para plantas de enerxía renovables, formación, grupos de investigación, ou na exportación de coñecemento a outros países

Hai uns meses unha vintena de profesores universitarios e profesionais galegos fixeron público un manifesto no que solicitaban a derrogación do Real Decreto Lei 1/2012, que anulaba as primas á produción eléctrica no sector das enerxías renovables. Naquel texto, igualmente válido (e con máis argumentos) na actualidade, sinalaban que a maiores dos beneficios da produción de enerxía (eléctrica ou térmica) Galicia é líder noutros aspectos sinérxicos como son a fabricación de compoñentes (existen importantes fábricas que dan traballo a miles de persoas), formación (se imparten dous másters oficiais de referencia), grupos de investigación universitarios ou na exportación de coñecemento a outros países nos que están empezando a desenvolver estas tecnoloxías (a internacionalización do sector supón importantes ingresos para as nosas empresas). E concluían que as fontes renovables son máis distribuídas, xustas e sustentables e poden fixar poboación no rural galego, de forma que este siga a ser unha forma de vida.

Planta de enerxía fotovoltaica © Friends of Earth
Aeroxenerador eólico de Iberdrola © Iberdrola

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.