As autoestradas buscan automatizar as peaxes malia os seus millonarios beneficios

Peaxe da AP9 CC-BY-SA A Mesa

Autoestradas de Galicia leva meses promovendo a substitución dos cobradores e cobradoras das súas peaxes por sistemas de pago automático. Xa o pasado mes de abril a Xunta abriu expediente a Autoestradas, concesionaria de las autopistas A Coruña-Carballo (AG-55) y Vigo-Baiona (AG-57), por non contar con persoal polas noites. A multa, moi escasa (300 euros diarios, para unha empresa que facturou 14 millóns de euros o pasado ano) non chegou a executarse, segundo UGT, que denuncia que a empresa traballa nunha estratexia de fondo para desfacerse do seu persoal.

UGT afirma que "as intencións da empresa están 'autorizadas' pola Xunta, que unicamente lle esixe que demostre que o servizo pode ser realizado co novo sistema"

Agora Autoestradas de Galicia anuncia que comezará a descontar un 5% do prezo da peaxe a quen utilicen as cabinas automáticas. O sindicato afirma que "as intencións da empresa están 'autorizadas' pola Xunta de Galicia, que unicamente lle esixe que demostre que o servizo pode ser realizado co novo sistema" e alerta de que "a administración galega non poñerá trabas á eliminación de postos de traballo nunha concesionaria pública, malia que o desconto ofrecido pola concesionaria teña unha vixencia só ata o 31 de decembro". UGT esíxelle á Xunta que condicione calquera “medida de optimización” da concesionaria á obriga de manter todos e cada un dos postos de traballo.

Non é a primeira vez que a presenza cada vez máis numerosa das cabinas automáticas esperta as críticas dos traballadores. O pasado mes de setembro os cobradores de Audasa advertían de "fallos" no pagamento automático (erros de tarifa e devolución de cambio). De igual xeito, UGT lembra que hai uns meses na Autoestrada Central Galega (Santiago-Dozón), en plena negociación do convenio colectivo, a empresa presenta un ERE de extinción amparándose en causas organizativas. Estas causas estaban avaladas pola instalación nas áreas de peaxe dun automatismo de pago do 100%, dicindo a empresa que os traballadores “sobraban”. Ao final, sinala o sindicato, o ERE de 15 traballadores, un total do 50% do persoal de peaxistas, quedou en 9 despedimentos individuais "pero, en definitiva, avalados polo mesmo motivo".

 

Beneficios millonarios

Audasa, a concesionaria da AP9, mantén millonarios beneficios a pesar do descenso continuado no número de usuarios, un 12,5% ao longo de 2012 e un 13,35% no primeiro trimestre de 2013. Dende 2007 pasou de 27.030 usuarios diarios a 18.858. Os seus beneficios en 2012 descenderon un 40%, pero aínda así foron superiores aos 30 millóns de euros, acumulando máis de 210 millóns en beneficios dende o comezo da crise económica. Iso non lle impediu recortar o seu cadro de persoal en 12 traballadores o pasado ano. De igual xeito, as súas tarifas seguiron crecendo e, hoxe, viaxar de Ferrol a Tui pola AP9 custa 19,80 euros para os turismos e entre 34 e 43 euros para os camións.

Autoestradas de Galicia perdeu un 10,4% do seu tráfico en 2012, reducindo a súa facturación nun 7,3%, até os 13,8 millóns de euros. Audasa e Autoestradas forman parte de Itínere, grupo de autoestradas controlado por Citi Infrastructure, que rexistrou unha cifra total de negocio de 276,4 millóns de euros en 2012.

Peaxe da AP9 CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.