Madrid volve sementar (máis) dúbidas sobre os floteis de Pemex

José Manuel Soria e Alberto Núñez Feijóo CC-BY-SA Minetur

O ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, volveu sementar dúbidas arredor das eternas promesas da Xunta sobre os floteis de Pemex para Galicia. Segundo aclarou nun principio, o acordo asinado por Pemex Internacional co Goberno galego para que os estaleiros de Navantia e Barreras participen dun proxecto da compañía mexicana abranguerá unicamente á construción de parte dun dos dous floteis que se anunciaran, aínda que subliñou que o acordo si se cumprirá. Pouco despois, a Xunta atribuía as palabras deste membro do Goberno central a un erro: "Equivocouse". Tan só unhas  horas despois, o propio Ministerio encargouse de difundir que as verbas non foran as correctas e que Soria referíase, en realidade, á construción dos dous floteis que, segundo a Administración galega, están comprometidos para Barreras e Navantia.

Pero Soria foi claro ao falar da construción de "parte dun flotel" cando se lle preguntou por un acordo que foi asinado en setembro de 2012, co que se prometeu que se cortaría chapa no pasado mes de marzo e que acumula unha morea de atrasos e dúbidas desde hai máis dun ano. De feito, este mesmo martes a petroleira mexicana anunciou que a decisión sobre a adxudicación da construción destes buques hoteis notificarase o próximo 30 de decembro, segundo o novo calendario, que fixa a presentación e a apertura das propostas para o día 6 dese mes e que entre o 11 e o 17 se aclararán ou emendarán as ofertas e dúbidas. Só é un novo adiamento dunha decisión que leva meses aprazándose.

O ministro Soria asegurara antes de rectificar que o acordo entre Pemex e a Xunta prevé só a construción dun flotel e non dos dous que asegurara Feijóo

Segundo manifestara o ministro de Industria, que se reuniu hai uns días co secretario de Enerxía de México, Pedro Joaquín Coldwell, e co director xeral de Pemex, Emilio Ricardo Lozoya, a empresa mexicana ten o "firme compromiso" de cumprir o acordo coa Xunta para que "sexan estaleiros galegos os que en parte leven a cabo a fabricación de parte dun dos dous floteis que Pemex Internacional vai encargar para apoiar o labor das plataformas petrolíferas que ten en distintas partes do mundo".

Navantia e Barreras compiten con outras 10 propostas para construír os buques floteles da petroleira mexicana Pemex. Xunto aos estaleiros galegos, cuxa proposta precalificada está defendida por PMI, pasaron as anteriores fases de selección proxectos liderados por nove grupos mexicanos e un de capital español, de Dragados.

"Os que incomprensiblemente brindaban porque non acadariamos traballo para os estaleiros galegos, que garden as botellas para a botadura dos floteis", segue a lerse no perfil de Twitter que Feijóo abrira para a campaña electoral das autonómicas de 2012 e na que o acordo con Pemex foi unha das súas promesas estrela. Desde ese 29 de setembro de 2012, nada novo nin positivo se sabe dos buques que ían ser construídos en Navantia e Barreras.

Ao tempo, os traballadores do naval, tras a manifestación deste martes, volveron saír á rúa  hoxe en Ferrol acompañando os estudantes que amosaban o seu rexeitamento á Lomce. Xa advertiron de novas e máis duras mobilizacións ante o que consideran "incumprimentos e mentiras" constantes por parte dos diferentes gobernos do PP, tanto en Madrid, como na Xunta ou a propia cidade de Ferrol. O PSdeG, pola súa banda, xa pediu a comparecencia de Feijóo para que explique a realidade duns contratos que seica existen pero que seguen sen ser amosados á opinión pública.

Desde que Feijóo realizara a promesa e presentara con toda a solemnidade aquel acordo con Pemex, foron moitas e varias as escusas postas pola Xunta para xustificar o atraso na licitación dos floteis ou mesmo na confirmación duns traballos que tiñan que empezar o pasado mes de marzo e dos que aínda non se sabe nada.

José Manuel Soria e Alberto Núñez Feijóo CC-BY-SA Minetur
Plataforma petroleira de Pemex © Pemex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.